01 dezembro 2017

▬ Engaging Students: STEM Clubs and Citizen Science

Engaging Students: STEM Clubs and Citizen Science atópase entre os proxectos galegos recoñecidos con Selo de Calidade Europeo este ano.
Trátase dunha asociación KA2 de Erasmus+  desenvolvida conxuntamente cun proxecto eTwinning.

O proxecto foi coordinado polo profesor Jose Viñas no IES David Buján de Cambre. Traballaron coa profesora Elaine Manton da  Loreto Grammar School de Altrincham, Reino Unido.

O coordinador galego explícanos o proxecto:

"Numerosos estudos destacan a falta de interese dos alumnos europeos polas materias  STEM  (Science, Technology, Engineering and Maths). O noso proxecto pretende achegar a eses alumnos a actividades relacionadas coa ciencia desde dúas frontes: a realización de actividades de maneira nonformal nun  STEM Club e colaborar con investigacións levadas a cabo por científicos facendo cienciacidadá desde as materias de ciencias nas clases. Toda esta actividade forma parte dun proxecto  KA2 Erasmus+ que permitiu financiar as mobilidades dos alumnos.






O proxecto incluíu 5 investigacións de Ciencia Cidadá lideradas polo IES David Bujan, España, e 5  deseños de enxeñería, dirixidos por Loreto Grammar School, Reino Unido.

Cada actividade  involucrou a 10 estudantes que traballaron xuntos nun deseño de enxeñería e nunha investigación de Ciencia Cidadá. Cada equipo de 10 alumnos estivo formado por 3 estudantes ingleses e cinco estudantes españois que colaboraron conxuntamente en deseños e investigacións.

O produto do noso traballo pódese observar en forma de vídeos e documentos que fomos achegando ao noso espazo eTwinning.

Se queredes coñecer de xeito máis profundo o noso traballo podedes  seguir a páxina web.
Durante os 24 meses de duración das actividades os alumnos compartiron experiencias, coñecendo  congresos e feiras de ciencia en España, Reino Unido, Bélxica, Polonia e Hungría. Todo este  intercambio favoreceu a colaboración entre ambos os clubs  STEM en novos proxectos."

Noraboa polo Selo Europeo!!!


27 novembro 2017

Internacionaliza a túa escola

No 25 de novembro de 2017 celebrouse na EGAP (Santiago de Compostela) unha xornada de Erasmus+ e eTwinning, coa presenza da Embaixada Galega, para introducir estes programas ao persoal docente non iniciado.


O evento foi organizado por Victoria Penide do CAFI e Luz Ares de Programas Europeos e contamos coa presenza de Manuel Vila da Consellaría de Educación, Beatriz Tourón do SEPIE, Lourdes Gozalo do INTEF e docentes de diferentes etapas educativas que compartiron a súa experiencia en Erasmus+ e eTwinning: Mela R. Montegrifo do CEIP Vidal Portela, José Luis Souto do CIFP Someso e José M. Viñas e Carmen Mª Suárez  do IES David Buján.

Victoria Penide e Beatriz Tourón, na quenda de preguntas

Queremos destacar unha das frases máis motivadoras da xornada: "A primeira prioridade da Comisión Europea é conseguir que a mobilidade de docentes e estudantes sexa a norma e non a excepción." 

A representante do SNA eTwinning en Galicia, Victoria Penide, con varios membros da Embaixada Galega: Marcos Vence, Mela Montegrifo, Carmen Fernández e Cristina París.

24 novembro 2017

▬ Acting out democratic values in a united Europe: Forming resilient citizens

Proxecto con Selo de Calidade Europeo de María Carracedo Fontenla, do CPI Santa Lucía - Moraña

Parabéns!!

"Acting out democratic values in a united Europe: Forming resilient citizens", é un proxecto no que buscamos ensinar aos nosos alumnos e alumnas a importancia de valores humanos que hoxe en día son tan necesarios, coma a democracia, a tolerancia, a amizade e os dereitos humanos. Para traballar esto propoñemos diferentes actividades traballando con ferramentas variadas, nas que tanto alumnos coma profesores poidan participar. Estamos moi satisfeitos especialmente pola implicación dos nosos alumnos. Polo que está sendo unha experiencia moi gratificante para todos nós, tanto que xa acabamos de empezar a segunda parte do proxecto.


13 novembro 2017

▬ “Delirant isti eTwinnienses Romani!

“Delirant isti eTwinnienses Romani! é un proxecto enfocado a traballar o latín de maneira colaborativa entre o alumnado.

A profesora do IES de Poio Carmen Fernández traballou no  proxecto con socios de Estremadura, Alemaña, Polonia e Italia. 

O obxectivo principal foi desenvolver unha serie de actividades que permitisen un achegamento natural e activo á metodoloxía do Latín segundo o Marco Común de Referencia para as Linguas. (MCER)

Os nosos estudantes melloraron competencias clave como a comunicación en lingua estranxeira, aprender a aprender,  a competencia dixital, a competencia social e cívica, e a conciencia e expresión culturais.

As actividades buscaron a colaboración entre o alumnado desde diferentes perspectivas partindo da transmisión de coñecementos e chegando á creación de contidos.

Deste xeito, cada un destes produtos finais (presentacións, comics, xogos en liña, adiviñas, mapa colaborativo, instagram, twitter, etc) son resultado dun traballo colaborativo dos grupos internacionais de alumnado.

O proxecto foi obxecto sunha ampla difusión en páxinas de diferentes asociacións de Linguas clásicas nos países socios.
Presentado dende Poio á iniciativa da Comisión Europea Move2Learn,Learn2Move, resultou seleccionado. O alumnado galego visitou o Parlamento Europeo en Estrasburgo.



Este é o TwinSpace 

blog.

▬ AtlânticoVET

AtlânticoVET é un proxecto eTwinning liderado polo IES San Clemente, de Santiago de Compostela, no que participan os coordinadores de mobilidades Erasmus+, titores de FCT, profesores da sección bilingüe en portugués de SMR e auxiliares de conversa.
O proxecto axuda a xestionar a FCT no estranxeiro, serve de medio para realizar actividades nos módulos bilingües en portugués e inglés e tamén ten como obxectivo descubrir como mellorar a empregabilidade do alumnado no país de destino.

O traballo realízase no TwinSpace e no blogue atlanticovet.blogspot.com.

▬ Green Spots in Town

Green Spots in Town é un proxecto eTwinning de dous centros de FP:
Os alumnos do IES San Clemente realizan o papel de deseñadores e programadores web, na súa empresa virtual “ToxoSoftware”. Os alumnos gregos, que actúan como clientes deste servizo, precisan un website para publicar información e material sobre paisaxismo.

O resultado final é un website bilingüe en galego e grego con información técnica (recomendacións para unha mellor urbanización de zonas verdes, por exemplo), planos e debuxos feitos polos estudantes, imaxes de ambas cidades, etc.



O proxecto forma parte do programa “Lanzadeiras Coruña” (plan Eduemprende da Consellaría de Educación) e do plan do EDLG do IES San Clemente.

No centro galego participan os alumnos Félix Pardal, Pablo López, Pablo Otero, Daniel Rey, Daniel Herranz e Mario Michelotti, coa coordinación do profesor Marcos Vence e da auxiliar de conversa Maggie Ryan.

Distincións: Selos de Calidade Nacionais eTwinning en España e Grecia, Selo de Calidade Europeo eTwinning, primeiro premio na competición nacional eTwinning en Grecia, Move2Learn, Learn2Move

Máis información:

▬ Um tripé para o meu e-book

Um tripé para o meu e-book é un proxecto de fomento da lectura no que participa a sección bilingüe en portugués Sistemas Operativos en Rede de 2SMR do IES San Clemente (profesores Marcos Vence e Anxo Rajó), en colaboración coa ES Carlos Amarante de Braga (baixo a batuta da profesora Adelina Moura), a Escola Jorge Peixinho de Montijo e a Associação Casa da Árvore - Biblioteca de Poços de Caldas de Brasil.

Gravacións de vídeos, lectura de textos, entrevistas, vídeo conferencias, interacción con ferramentas TIC... unha "mixórdia" de actividades á volta dos libros.

Selo de calidade nacional en Portugal e España.
Selo de calidade europeo. 

Ligazón ao TwinSpace
 

12 novembro 2017

▬ East or West, Home is Best

logo do proxecto
O proxecto eTwinning East or West, Home is Best, foi desenvolto no CPI Tino Grandío xunto cos seus centros socios en Lituania, Polonia e Ukraíña para traballar similitudes e diferenzas entre as localidades e países socios e mesmo con outros países do mundo.

O alumnado participante do centro galego pertencía ás seccións bilingües de xeografía e historia en lingua inglesa de 3º e 4º de ESO co cal os contidos traballados estaban incluídos no currículo, ben da materia de xeografía e historia, ben na de inglés.

Buscouse a comunicación entre todo o alumnado, especialmente a través do chat porque non foi posible tecnicamente a comunicación por videoconferencia.

O traballo desenvolveuse por medio de equipos internacionais, coordinados cada un por unha das catro profesoras participantes e centrados en diferentes aspectos culturais:
  • Grupo 1: Strange foods (comidas estrañas), realizou unha presentación sobre comidas curiosas e situou as máis chamativas nun mapa de Google Maps.
  • Grupo 2: My future avatar (o meu avatar futuro) centrouse en como será a vida no futuro, cunha presentación colaborativa sobre a cidade futura ideal e Vokis nos que o alumnado se vía no ano 2050.
  • Grupo 3: The place I love and treasure (o lugar que amo e estimo), cunha presentación, e puzles en Jigsawplanet sobre os seus lugares ideais. Tamén se realizou un vídeo pero esta actividade tivo certos problemas.
  • Grupo 4: Amusements in my own town or neighbourhood (diversión na miña vila ou barrio), no que se elaborou unha presentación, postais sobre diferentes lugares e un vídeo final con todo o material do grupo.
Finalmente todos os grupos expuxeron o seu traballo, houbo varias sesións avaliativas por chat e compartiuse o material realizado a través da revista do centro escolar e da  páxina web dos respectivos centros escolares.


▬ Adota-me

Un novo Selo de Calidade Europeo para celebrar na nosa Comunidade:

Galicia e Portugal foron escenario para o desenvolvemento do proxecto eTwinning Adota-me, de corte medioambiental e cun importante e creativo emprego das TAC, serviu para que alumnado con necesidades específicas de apoio educativo aprendese e aplicase coñecementos sobre as árbores da contorna, os seus diferentes usos, as vantaxes da súa existencia e os perigos de non telas.
Un punto fundamental deste proxecto foi o emprego da realidade aumentada para as aprendizaxes que, en moitos casos, deu lugar a momentos lúdicos durante o traballo. Materializouse nun produto final relevante no campo social: a maqueta do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, Lugo, recollendo todo o seu Food Forest con vídeos sobre ela colocados como Auras.


O alumnado galego e portugués encontrou o xeito de convidar, en diferentes momentos, a persoas relevantes das diferentes contornas, tanto a nivel técnico (Delegados dos Gobernos en materia forestal), como a nivel comercial e educativo. As familias e as institucións das dúas vilas participaron en varias tarefas e algúns outros centros educativos foron, tamén, protagonistas por momentos.
A comunicación, a través do TwinSpace e outras plataformas, permitiron o coñecemento e o traballo colaborativo dos grupos de alumnos e dos seus profesores, que se materializaron na liña de traballo que se comparte neste enlace.
Desde a Embaixada eTwinning en Galicia, parabéns para Susana Vázquez Regueiro e, moi especialmente, para Rosa Medeiros e Cláudio Ferreira que, recibiron, ademais do Selo de Calidade Europeo, o Premio Nacional eTwinning en Portugal por este proxecto!

▬ The weather that we watch

The weather that we watch é un proxecto eTwinning con participación galega que vén de ser recoñecido cun Selo de Calidade Europeo. Naceu coa idea de compartir actividades e información sobre o clima entre varias escolas europeas e está ligado ao proxecto interanual “Comprometidos coa Terra : CLIMA” . Comezou coa presentación das escolas asociadas e a partir de aí saíron as actividades planificadas na base do proxecto que eran a realización de medicións de aspectos específicos do clima de cada escola. Carlos Sastre de Vicente, no  CEIP Montel Touzet da Coruña liderou a realización de paneis para reflectir os datos, a aplicación en diferentes táboas e gráficos dixitalizados as anotacións que logo se compartirían no  Twinspace  e nun blogue. 
Seguiron con diferentes actividades ao longo do tempo. Construíron dispositivos de medición baseándose na reciclaxe de materiais. Recompilaron fotos do clima das diferentes áreas. Desenvolveron actividades artísticas de música e plástica coas que  integrar os cursos máis novos. Finalmente, fixeron dúas videoconferencias: unha cunha escola de Ucraina e outra cunha escola francesa, que axudaron a mellorar a comunicación directa entre todos e a facer o proxecto máis integrador .

Desde a Embaixada eTwinning en Galicia queremos darvos os nosos parabéns!

11 novembro 2017

▬ Scales & Sizes

O proxecto de eTwinning Scales & Sizes do IES de Beade acaba de levar o Selo de Calidade Europeo. Italia e Francia xuntáronse a España para realizar esta tarefa conxunta.
Esther Pérez cóntanos a súa visión:  A idea vertebral do noso proxecto era traballar dunha forma diferente o concepto de escala no mundo natural, dende o máis pequeno ata o máis grande. Xuntámonos profesores de distintas materias (matemáticas, física, bioloxía...) e tratamos de darlle un sentido máis próximo e concreto a esas dimensións, que para o noso alumnado son difíciles de imaxinar, ou por moi pequenas ou por moi grandes.

Deseñamos a arquitectura do proxecto para que cada grupo dun dos tres países participantes tivese outros dous grupos cos que colaborar nos outros países. Estes grupos internacionais elaboraron conxuntamente un "ebook" con exemplos reais de obxectos de distintos tamaños (un virus ou unha bacteria concreta, un accidente xeográfico da Terra, un planeta, unha galaxia..) De cada exemplo tiñan que buscar unha pequena información e publicala na súa lingua materna e en inglés. Despois, traducían ás outras linguas as aportacións dos seus compañeiros internacionais.
Nas seguintes fases do proxecto elaboraron unha comparativa entre dous obxectos da súa experiencia habitual (un lápis, un coello, un edificio...) e dous dos exemplos traballados, para facerse unha idea das escalas relativas entre eles. Cada grupo escolleu os exemplos que quixo e a forma de expresar o seu resultado (vídeos, presentacións, pósters...). Por último, fixeron modelizacións dalgún deses exemplos, tamén empregando todo tipo de técnicas (plastilinas, impresoras 3D, teatrealizacións...).

O proxecto rematou cunha videoconferencia-concurso, na que usando un kahoot os grupos respondían a algunhas preguntas dunha batería proposta por eles mesmos. O grupo gañador tiña representantes nos tres países, e recibiu un pequeno agasallo enviado por outro dos socios.

En conxunto foi un proxecto moi laborioso, pero todos, tanto alumnado como profesorado, quedamos moi satisfeitos da experiencia e do traballo realizado.

▬ Easter/Spring wishes
















O proxecto eTwinning “Easter/Spring wishes” acaba de ser galardonado co Selo de Calidade Europeo.
O alumnado galego traballou con alumnado de Portugal e Suecia.


Isto é o que conta Patricia Conde do proxecto:
"No curso 2016-2017, os alumnos da profesora Patricia Conde Pardo, na sección de Coia da EOI de Vigo, participaron xunto con alumnos da ES Dona Inês de Castro en Portugal, alumnos do Björkäsgymnasiet en Suecia e alumnos do IES Álvaro Cunqueiro en Vigo nun proxecto eTwinning, titulado Spring/Easter wishes, que vén de ser galardonado no pasado mes de Outubro co Selo de Calidade Europeo.

O proxecto xa obtivo previamente sendos Selos de Calidade Nacionais en España e Portugal e contou coa participación dun total de 4 profesores de 4 centros distintos e 3 países europeos, empregando o inglés e o español como linguas de comunicación. O proxecto permitiu a alumnos portugueses, suecos e españois intercambiar postais e comentarios sobre a primavera ou a Pascua para coñecerse mellor os uns aos outros así como as costumes e ditos que existen nos distintos países en relación coa Pascua e/ou a primavera"

▬ (De)constructing Gender Through Advertising

No proxecto (De)constructing Gender Through Advertising  da eTwinner galega Ana Belén López Pérez, profesora do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo, colaborouse con socios de Rumanía, Portugal, Italia, Francia, Turquía e Ucraina.

Isto é o que nos conta a profesora Ana Belén Pérez sobre o seu proxecto:
"(De)constructing Gender Through Adverising xurdiu da necesidade de espertar a mirada crítica dos nosos rapaces cara a realidade mediática actual. Esta pasa con frecuencia desapercibida pero afecta enormemente á nosa visión da contorna. Centrámonos nos estereotipos de xénero na publicidade e os participantes dos cinco países analizaron anuncios en distinto formato tratando de centrarse nos aspectos máis nocivos para as relacións entre xoves europeos. Traballamos en cada unha das realidades nacionais para comparalas e coñecer as propias e as dos outros. Na última fase do proxecto ofrecemos alternativas que superan eses estereotipos."

Aquí podedes ver a súa páxina de Facebook

10 novembro 2017

▬ Las mascotas se van de viaje


O proxecto Las mascotas se van de viaje do eTwinner galego Javier Estévez, profesor no colexio Divino Salvador de Vigo vén de ser recoñecido co Selo de Calidade Europeo.

O alumnado galego traballou con socios de Italia, Polonia, Finlandia e Francia.

Esto é o que nos conta Javier Estévez sobre o seu proxecto:
"Varios países europeos atópanse ao redor deste proxecto: unha mascota viaxa por Europa e redacta o seu diario de a bordo. Cada etapa é unha ocasión para descubrir como viven os nosos veciños europeos: os seus costumes, as festas de Nadal,a  gastronomía, os ritmos escolares...
Houbo tantas mascotas como países que participaron. En cada escala, os alumnos acollían á mascota e lían a súa ficha de identidade (creada polo primeiro colexio), logo escribían unha nova páxina do diario falando en primeira persoa, desde o punto de vista da mascota (é dicir como un turista que descubrise unha nova cultura). Ao final do ano escolar, a mascota volvía ao seu colexio inicial e os alumnos descubrían o seu percorrido e o seu diario completado, 

  •  Mellorar as competencias dos alumnos en linguas estranxeiras (español).
  • Desenvolver a motivación dos alumnos para aprender unha lingua estranxeira (neste caso o español) poñéndoos ao contacto doutros alumnos que tamén aprenden este idioma e tomando conciencia de que unha lingua tamén se fala fóra das súas fronteiras.
  •  Iniciar aos alumnos á escritura colaborativa.
  •  Descubrir países europeos e familiarizarse coa súa cultura.

No noso caso, sendo galegos, o proxecto serviunos para afianzar a lingua castelá na súa faceta escrita, para desenvolver a competencia lingüística dunha forma lúdica e motivadora.
Para iso, cinco colexios de diversos lugares da xeografía europea colaboraron entre sí e intercambiaron as súas mascotas.


Italia, Finlandia, Polonia, Francia e España uníronse a través dos seus alumnos/as e duns peluches viaxeiros que coñeceron as diferenzas e coincidencias da cultura desas distintas rexións europeas. O como se vive o Nadal, como é o día a día dos alumnos, a  gastronomía... e os mil e un detalles que un lugar adquire ao longo da súa historia, reflectíase ao final da viaxe e en cada un dos diarios. Con eles os alumnos e alumnas sentíronse máis próximos aos seus veciños europeos, cos que viviron un ano de viaxe a través das súas mascotas."


Noraboa polo Selo de Calidade Europeo!!!

06 novembro 2017

Selos de Calidade Europeos 2017

Veñen de ser publicados os proxectos recoñecidos co Selo de Calidade Europeo 2017 que poden ser consultados nesta ligazón.

A continuación destacamos os proxectos e profesorado galegos que obtiveron esta distinción.

Parabéns para o profesorado, o alumnado e os centros!!!!


East or West, Home is Best
Ana Arias Castro
CPI Tino Grandío - Guntín

Palabras Azules: un calendario lleno de vidas
Ana Belén Mariño Taboada
CEIP Xesús Golmar - Lalín

The weather that we watch
Carlos Sastre de Vicente
CEIP Montel Touzet - A Coruña

Delirant isti eTwinnienses Romani!
Carmen Fernández
IES de Poio

Scales and Sizes: Our World in all its Dimensions!
Esther Pérez Fernández
IES de Beade
   
Las mascotas se van de viaje
Javier Estévez
Colexio Divino Salvador - Vigo

Engaging Students: STEM Clubs and Citizen Science
Jose Viñas
IES David Buján - Cambre

Green spots in town
Marcos Vence Ruibal
IES San Clemente - Compostela

Um tripé para o meu e-book
Marcos Vence Ruibal
IES San Clemente - Compostela

AtlânticoVET
Marcos Vence Ruibal
IES San Clemente - Compostela

Acting Out Democratic Values in a United Europe: Forming Resilient Citizens
María Carracedo Fontenla
CPI Santa Lucía - Moraña

Factoriza tu dieta
María Jesús Casado Barrio
I.E.S. Francisco Daviña Rey - Monforte

Spring/Easter wishes
Patricia Conde Pardo
Escuela Oficial de Idiomas de Vigo

Adota-me!   
Susana Vázquez Regueiro
IES Poeta Díaz Castro - Guitiriz
    
 

A Xunta impulsa as publicacións da Embaixada

A nova colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Embaixada eTwinning, pon en valor o traballo feito polo profesorado participante na elaboración das nosas publicacións.

Podedes descargar as novas versións das dúas guías, en galego, nas seguintes ligazóns:



Máis información:

http://embaixadaetwinning.blogspot.com.es/p/publicacions.html



05 novembro 2017

Xornadas "Internacionaliza a túa escola: Erasmus+ e eTwinning"

O próximo sábado 25 de novembro terán lugar en Santiago de Compostela as Xornadas "Internacionaliza a túa escola: Erasmus+, eTwinning e outras propostas".
  • Data: 25.11.2017
  • Lugar de celebración: EGAP
  • Horas: 8
  • G1702009 
  • Obxectivos
1.Proporcionar información sobre os programas europeos descentralizados no contexto do Erasmus+.
2.Amosar boas prácticas e procedementos de participación nas diferentes accións de programas europeos.
3.Desenvolver estratexias para o desenvolvemento de programas europeos.
Para acceder á actividade pincha aquí.
Máis información no enlace

24 outubro 2017

Reunión coa nova coordinadora eTwinning para Galicia

O luns 23 de outubro de 2017, os membros da Embaixada eTwinning en Galicia tiveron unha reunión coa nova coordinadora eTwinning para Galicia no Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI).


Victoria Penide López vén de ser nomeada recentemente como a nova coordinadora eTwinning para Galicia. Tanto Victoria como a Embaixada mostraron un grande interese e vontade de colaboración en futuras accións eTwinning.


Entre os temas tratados na reunión destacan os seguintes:
  1. As xornadas eTwinning: celebraranse, probablemente, no segundo trimestre. Este ano farase unha xornada conxunta de eTwinning e Erasmus+.
    Dende a Embaixada suxírese a posibilidade de que eTwinning apareza en xornadas doutros programas da Consellería (Plan Proxecta, E-Dixgal, Lanzadeiras, …) para ver as posibilidades de sinerxia entre varios programas e axudar á difusión de eTwinning.
  1. Recentemente acabamos de recibir a confirmación por parte da Secretaría Xeral de Política Lingüística de reeditar as publicacións que a Embaixada desenvolveu ata o de agora. Mostramos o noso interese en encontrar unha liña de colaboración entre a Consellería e a Embaixada en futuras publicacións, para poder acreditar a labor desenvolvida polos múltiples colaboradores destes traballos.
  2. A embaixada fixo varias solicitudes a Victoria Penide, mostrando esta a disposición de facer todas as xestións que estivesen nas súas mans para resolvelas:
    1. Solicitamos, e xa está operativo, un correo dentro do dominio @edu.xunta.gal para que as comunicacións da embaixada teñan un carácter máis formal.
    2. Solicitamos que no Boletín informativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se faga difusión de novas relacionadas con eTwinning. Por exemplo, fai pouco dous proxectos galegos foron premiados pola Comisión Europea e creemos que este tipo de novas deberían aparecer no Boletín informativo.
    3. Volvemos a solicitar que no perfil dos usuarios e dos proxectos de eTwinning se poida seleccionar o idioma galego. Facemos esta solicitude extensiva tamén ao resto de linguas oficiais do estado. Esta solicitude xa se fixera anteriormente ao Servicio Nacional de Apoio (SNA) e ao Servicio Central de Apoio (SCA). Creemos que é importante poder indicar o idioma nos perfiles para, por exemplo, realizar buscas máis concretas de profesorado colaborador e proxectos.
    4. Pedimos que dentro da web da Consellería haxa unha páxina para eTwinning facilmente accesible que recolla todo tipo de información sobre este programa.
    5. Insistimos na importancia en certificar o traballo en proxectos eTwinning como innovación educativa, xa que Galicia é practicamente a única comunidade onde non se fai.
    6. Propoñemos que tamén se debería certificar a participación do alumnado en proxectos eTwinning.
    7. Suxerimos que se debería facer un acto oficial de entrega de selos de calidade e premios nacionais e europeos ao alumnado e o profesorado.
    8. Actualmente, o alumnado de maxisterio, non pode acceder á plataforma eTwinning. Indicamos á coordinadora autonómica que se debería valorar permitir o acceso a estes usuarios, xa que en breve van ser o futuro profesorado.

Queremos agradecer a Victoria Penide a atención dedicada á embaixada e a grande disposición a facer todo o que fose posible por atender as peticións e solicitudes da embaixada.