13 novembro 2017

▬ Um tripé para o meu e-book

Um tripé para o meu e-book é un proxecto de fomento da lectura no que participou, na primeira edición (2016/2017), a sección bilingüe en portugués Sistemas Operativos en Rede de 2SMR do IES San Clemente (profesores Marcos Vence e Anxo Rajó), en colaboración coa ES Carlos Amarante de Braga (baixo a batuta da profesora Adelina Moura), a Escola Jorge Peixinho de Montijo e a Associação Casa da Árvore - Biblioteca de Poços de Caldas de Brasil.

Selo de calidade nacional en Portugal e España.
Selo de calidade europeo. 

Ligazón ao TwinSpace 

 



Na súa segunda edición
, no ano 2020/2021, mantivéronse os centros europeos e estreouse o Centro Paula Souza, de São Paulo, Brasil.



Gravacións de vídeos, lectura de textos, entrevistas, vídeo conferencias, presentacións, interacción con ferramentas TIC... unha "mixórdia" de actividades á volta dos libros.

Ligazón ao TwinSpace

Diario de proxecto 




2023/2024 – Um tripé para o meu e-book 3

Terceira edición do proxecto, coa participación do club de lectura estendida, as catro turmas PluriFP SMR e ASIR, e as escolas portuguesas AE Carlos Amarante de Braga e AE Monte da Lua de Sintra.


 

12 novembro 2017

▬ East or West, Home is Best

logo do proxecto
O proxecto eTwinning East or West, Home is Best, foi desenvolto no CPI Tino Grandío xunto cos seus centros socios en Lituania, Polonia e Ukraíña para traballar similitudes e diferenzas entre as localidades e países socios e mesmo con outros países do mundo.

O alumnado participante do centro galego pertencía ás seccións bilingües de xeografía e historia en lingua inglesa de 3º e 4º de ESO co cal os contidos traballados estaban incluídos no currículo, ben da materia de xeografía e historia, ben na de inglés.

Buscouse a comunicación entre todo o alumnado, especialmente a través do chat porque non foi posible tecnicamente a comunicación por videoconferencia.

O traballo desenvolveuse por medio de equipos internacionais, coordinados cada un por unha das catro profesoras participantes e centrados en diferentes aspectos culturais:
  • Grupo 1: Strange foods (comidas estrañas), realizou unha presentación sobre comidas curiosas e situou as máis chamativas nun mapa de Google Maps.
  • Grupo 2: My future avatar (o meu avatar futuro) centrouse en como será a vida no futuro, cunha presentación colaborativa sobre a cidade futura ideal e Vokis nos que o alumnado se vía no ano 2050.
  • Grupo 3: The place I love and treasure (o lugar que amo e estimo), cunha presentación, e puzles en Jigsawplanet sobre os seus lugares ideais. Tamén se realizou un vídeo pero esta actividade tivo certos problemas.
  • Grupo 4: Amusements in my own town or neighbourhood (diversión na miña vila ou barrio), no que se elaborou unha presentación, postais sobre diferentes lugares e un vídeo final con todo o material do grupo.
Finalmente todos os grupos expuxeron o seu traballo, houbo varias sesións avaliativas por chat e compartiuse o material realizado a través da revista do centro escolar e da  páxina web dos respectivos centros escolares.


▬ Adota-me

Un novo Selo de Calidade Europeo para celebrar na nosa Comunidade:

Galicia e Portugal foron escenario para o desenvolvemento do proxecto eTwinning Adota-me, de corte medioambiental e cun importante e creativo emprego das TAC, serviu para que alumnado con necesidades específicas de apoio educativo aprendese e aplicase coñecementos sobre as árbores da contorna, os seus diferentes usos, as vantaxes da súa existencia e os perigos de non telas.
Un punto fundamental deste proxecto foi o emprego da realidade aumentada para as aprendizaxes que, en moitos casos, deu lugar a momentos lúdicos durante o traballo. Materializouse nun produto final relevante no campo social: a maqueta do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, Lugo, recollendo todo o seu Food Forest con vídeos sobre ela colocados como Auras.


O alumnado galego e portugués encontrou o xeito de convidar, en diferentes momentos, a persoas relevantes das diferentes contornas, tanto a nivel técnico (Delegados dos Gobernos en materia forestal), como a nivel comercial e educativo. As familias e as institucións das dúas vilas participaron en varias tarefas e algúns outros centros educativos foron, tamén, protagonistas por momentos.
A comunicación, a través do TwinSpace e outras plataformas, permitiron o coñecemento e o traballo colaborativo dos grupos de alumnos e dos seus profesores, que se materializaron na liña de traballo que se comparte neste enlace.
Desde a Embaixada eTwinning en Galicia, parabéns para Susana Vázquez Regueiro e, moi especialmente, para Rosa Medeiros e Cláudio Ferreira que, recibiron, ademais do Selo de Calidade Europeo, o Premio Nacional eTwinning en Portugal por este proxecto!

▬ The weather that we watch

The weather that we watch é un proxecto eTwinning con participación galega que vén de ser recoñecido cun Selo de Calidade Europeo. Naceu coa idea de compartir actividades e información sobre o clima entre varias escolas europeas e está ligado ao proxecto interanual “Comprometidos coa Terra : CLIMA” . Comezou coa presentación das escolas asociadas e a partir de aí saíron as actividades planificadas na base do proxecto que eran a realización de medicións de aspectos específicos do clima de cada escola. Carlos Sastre de Vicente, no  CEIP Montel Touzet da Coruña liderou a realización de paneis para reflectir os datos, a aplicación en diferentes táboas e gráficos dixitalizados as anotacións que logo se compartirían no  Twinspace  e nun blogue. 
Seguiron con diferentes actividades ao longo do tempo. Construíron dispositivos de medición baseándose na reciclaxe de materiais. Recompilaron fotos do clima das diferentes áreas. Desenvolveron actividades artísticas de música e plástica coas que  integrar os cursos máis novos. Finalmente, fixeron dúas videoconferencias: unha cunha escola de Ucraina e outra cunha escola francesa, que axudaron a mellorar a comunicación directa entre todos e a facer o proxecto máis integrador .

Desde a Embaixada eTwinning en Galicia queremos darvos os nosos parabéns!

11 novembro 2017

▬ Scales & Sizes

O proxecto de eTwinning Scales & Sizes do IES de Beade acaba de levar o Selo de Calidade Europeo. Italia e Francia xuntáronse a España para realizar esta tarefa conxunta.
Esther Pérez cóntanos a súa visión:  A idea vertebral do noso proxecto era traballar dunha forma diferente o concepto de escala no mundo natural, dende o máis pequeno ata o máis grande. Xuntámonos profesores de distintas materias (matemáticas, física, bioloxía...) e tratamos de darlle un sentido máis próximo e concreto a esas dimensións, que para o noso alumnado son difíciles de imaxinar, ou por moi pequenas ou por moi grandes.

Deseñamos a arquitectura do proxecto para que cada grupo dun dos tres países participantes tivese outros dous grupos cos que colaborar nos outros países. Estes grupos internacionais elaboraron conxuntamente un "ebook" con exemplos reais de obxectos de distintos tamaños (un virus ou unha bacteria concreta, un accidente xeográfico da Terra, un planeta, unha galaxia..) De cada exemplo tiñan que buscar unha pequena información e publicala na súa lingua materna e en inglés. Despois, traducían ás outras linguas as aportacións dos seus compañeiros internacionais.
Nas seguintes fases do proxecto elaboraron unha comparativa entre dous obxectos da súa experiencia habitual (un lápis, un coello, un edificio...) e dous dos exemplos traballados, para facerse unha idea das escalas relativas entre eles. Cada grupo escolleu os exemplos que quixo e a forma de expresar o seu resultado (vídeos, presentacións, pósters...). Por último, fixeron modelizacións dalgún deses exemplos, tamén empregando todo tipo de técnicas (plastilinas, impresoras 3D, teatrealizacións...).

O proxecto rematou cunha videoconferencia-concurso, na que usando un kahoot os grupos respondían a algunhas preguntas dunha batería proposta por eles mesmos. O grupo gañador tiña representantes nos tres países, e recibiu un pequeno agasallo enviado por outro dos socios.

En conxunto foi un proxecto moi laborioso, pero todos, tanto alumnado como profesorado, quedamos moi satisfeitos da experiencia e do traballo realizado.

▬ Easter/Spring wishes
















O proxecto eTwinning “Easter/Spring wishes” acaba de ser galardonado co Selo de Calidade Europeo.
O alumnado galego traballou con alumnado de Portugal e Suecia.


Isto é o que conta Patricia Conde do proxecto:
"No curso 2016-2017, os alumnos da profesora Patricia Conde Pardo, na sección de Coia da EOI de Vigo, participaron xunto con alumnos da ES Dona Inês de Castro en Portugal, alumnos do Björkäsgymnasiet en Suecia e alumnos do IES Álvaro Cunqueiro en Vigo nun proxecto eTwinning, titulado Spring/Easter wishes, que vén de ser galardonado no pasado mes de Outubro co Selo de Calidade Europeo.

O proxecto xa obtivo previamente sendos Selos de Calidade Nacionais en España e Portugal e contou coa participación dun total de 4 profesores de 4 centros distintos e 3 países europeos, empregando o inglés e o español como linguas de comunicación. O proxecto permitiu a alumnos portugueses, suecos e españois intercambiar postais e comentarios sobre a primavera ou a Pascua para coñecerse mellor os uns aos outros así como as costumes e ditos que existen nos distintos países en relación coa Pascua e/ou a primavera"

▬ (De)constructing Gender Through Advertising

No proxecto (De)constructing Gender Through Advertising  da eTwinner galega Ana Belén López Pérez, profesora do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo, colaborouse con socios de Rumanía, Portugal, Italia, Francia, Turquía e Ucraina.

Isto é o que nos conta a profesora Ana Belén Pérez sobre o seu proxecto:
"(De)constructing Gender Through Adverising xurdiu da necesidade de espertar a mirada crítica dos nosos rapaces cara a realidade mediática actual. Esta pasa con frecuencia desapercibida pero afecta enormemente á nosa visión da contorna. Centrámonos nos estereotipos de xénero na publicidade e os participantes dos cinco países analizaron anuncios en distinto formato tratando de centrarse nos aspectos máis nocivos para as relacións entre xoves europeos. Traballamos en cada unha das realidades nacionais para comparalas e coñecer as propias e as dos outros. Na última fase do proxecto ofrecemos alternativas que superan eses estereotipos."

Aquí podedes ver a súa páxina de Facebook