Mostrar mensagens com a etiqueta proxectos. Mostrar todas as mensagens
Mostrar mensagens com a etiqueta proxectos. Mostrar todas as mensagens

02 maio 2022

▬ LusoMicroFonia

 

Proxecto eTwinning desenvolvido no ano escolar 2021/2022 por profesorado e alumnado do IES San Clemente, Santiago de Compostela, do AE Carlos Amarante, Braga, Portugal e do Centro Paula Souza, São Paulo, Brasil.


 

No centro galego participou o alumnado dos ciclos PluriFP SMR e ASIR coa coordinación de Marcos Arias, Beth Oliveira e Marcos Vence, coa colaboración de José Freire e tendo como socia portuguesa a profesora Adelina Moura e socio brasileiro Álvaro Filho.






O alumnado participante estudaba cursos profesionais de Informática. Traballaron temas relacionados cos módulos Aplicações Ofimáticas, Aplicações Web e lingua portuguesa (PLEP). Obxectivo principal: crear un canal de podcast lusófono para o seu uso continuado por parte de todas as escolas interesadas e dotalo de contido inicial, alén de adestrar a expresión oral en portugués.

Máis información:

 

07 julho 2021

De pequeño, en el cole, jugaba a...


Presentamos un dos proxectos eTwinning desenvolvidos dentro do Plan Proxecta na nova modalidade de Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais.


 Trátase do proxecto De pequeño, en el cole, jugaba a..., do CEIP Plurilingüe Porto Cabeiro de Redondela.

Este é o Twinspace do proxecto.

A coordinadora, Ánxela Domíguez, preséntanos o proxecto.


“ DE PEQUENO , NO COLE, XOGABA A…” 

"Na consecución deste proxecto participaron 2 mestres do Ceip Pl. Porto Cabeiro e 5 mestres do Agrupamento de Escolas nº2 de Elvas como socio colaborador. Investígase sobre os xogos ao que xogaban os maiores coñecidos polos alumnos/as cando ían ao colexio. Trátase de averiguar as versións diferentes do mesmo xogo, os seus nomes, normas, cal se xoga máis...

Todo o alumnado participante cursa 3º de Primaria.



Centrouse na investigación dos xogos populares e tradicionais,  nun traballo interdisciplinar entre as  materias de Educación Física, Lingua Castelá, Lingua Galega, Arts (Plástica) e sesións de Informática, buscando o desenvolvemento das competencias clave, partindo da investigación sobre o patrimonio lúdico, transmitido polos maiores que rodean aos alumnos/as.

O alumnado foi o protagonista do deseño, da elaboración de actividades e do produto final. 


Foi o encargado de involucrar aos seus maiores neste proxecto.  Fíxose partícipe a toda a Comunidade Educativa.

A secuenciación prevista no proxecto foi variando, dado que a data de comezo co socio colaborador foi cara o inicio do 2º trimestre, ademáis debe terse en conta o tempo que tiveron de confinamento e o traslado de edificio que tamén tiveron no 3º trimestre non dispoñendo de conexión a Internet.

Desenvolvemento e actividades reflectidas na páxina de twinspace:


1.- Búsqueda de socios: Os alumnos cursan  3º de Primaria 

2.- Decídese entre as coordinadoras galega e portuguesa presentar o proxecto a través do libro “Avós e avoas” e da montaxe “Conectados polos xogos”, e unha posta en común mediante e-mail sobre que investigar

3.- Comézase a investigación. Primeiras investigacións na clase de EF.

     Estruturamos que preguntar: 

     Nome do xogo

     Número de xogadores

     Material con que se xoga

     Campo de xogo

     Normas

     Decidimos que xogos formarían parte do libro dixital


4.- Posta en común en Lingua Castelá sobre como presentarnos . 

      Elaboración de avatares na sesión de Informática.

      Elaboración de un vídeo

5.- Debuxo dos xogos na sesión de Arts

6.- Deseño da ficha para recoller a información sobre os xogos entre as coordinadoras

7.- Videoconferencia entre alumnos españois e portugueses

8.-  Elaboración de fichas

9.- Elección de logotipo mediante unha Enquisa.

10.- Presentación do proxecto por videoconferencia entre proxectos petecentes ao Plan Proxecta


11.- Participación nun foro sobre que é o que máis lles gustou sobre os xogos investigados, cal lles gustaría xogar…

12.- Produto final: 

            * Resumo fotográfico do proxecto

* Elaboración dun libro dixital onde se recollen os xogos dos 2 socios 

* Selección de xogos do socio para xogar no tempo de lecer e na clase de EF



17 junho 2021

Ocatwinning


Presentamos un dos proxectos eTwinning desenvolvidos dentro do Plan Proxecta na nova modalidade de Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais.

 Trátase do proxecto Ocatwinning desenvolvido polo IES Plurilingüe Pedra da Aguia,

Esta é a ligazón ao seu Twinspace.

O docente fundador Jacobo Santos cóntanos do proxecto:

"O noso proxecto encádrase dentro dos Plan Proxecta do curso 2020-21, relacionados co patrimonio histórico. 

A convocatoria saiu ao finais do primeiro trimestre e non conseguimos socios ata practicamente principios de febreiro.

A pesares de ser novos nisto dos proxectos eTwinning, fixemos de coordinadores dun grupo de catro países nos que tamén estaban Bulgaria, Francia e República Checa. 


Un total de 8 profesores e 60 alumnos de entre 15 e 18 anos mergullámonos nun ambicioso plan no que tivemos que ir rebaixando as expectativas a medida que se ía desenvolvendo.

Aínda que o noso instituto non foi golpeado pola pandemia, non podemos dicir o mesmo dosnosos socios, confinados practicamente dende outubro, no caso de checos e búlgaros, e durante boa parte do curso no caso dos franceses. A isto hai que engadir os diferentes periodos non lectivos de cada país nos que apenas coincidimos.

Polo tanto, moitos atrancos, pero moita ilusión e gañas de facelo ben. 

O idioma elexido foi o español, que tamén veu ben ao noso alumnado, maioritariamente galego-falante.

Ao ser novos, perdemos moito tempo nas fases preliminares o que motivou que a fase das actividades fora moi curta. En todo caso, un dos obxectivos fundamentais era a interacción entre o alumnado socio e iso conseguímolo totalmente, xa que houbo moito intercambio de mensaxes polo foro.

Dende o principio fixemos 6 grupos internacionais por cores aos que asignamos un profesor-guía. Estes grupos fixos e compostos por no máis de 10 persoas están reflectidos no índice de twinspace, nos fíos de debate e nas carpetas de materiais. Ademais, cando os alumnos se presentaron, o fixeron cun avatar que levaba a cor do seu grupo.

Outro dos obxectivos previstos era manter a privacidade do alumnado menor de idade. Unha páxina no twinspace fai referencia precisamente á política de privacidade e de dereitos de autor do proxecto.


Outro punto clave foi o desenvolvemento das competencias dixitais. Ao longo de todo o proxecto utilizamos unha gran variedade de ferramentas, ademais das propias que ofrece twinspace, como o twinmail ou o twinboard. Así, usamos Bitmojí, Canva, Adobe Spark, Tricider, Kahoot e Genially, xunto con outras ferramentas que proporciona Google como Drive, Forms, Gmail ou Meet. Aos rapaces non lles custou familiarizarse con elas e mesmo disfrutaron co seu uso.

Os profesores sempre estivemos en contacto por varias vías e mesmo por videoconferencias. Cos alumnos esta actividade resultou máis laborioso polo confinamento e pola non coincidencia de días e horas. Cando menos, fixemos unha e puideron xogar, coñecerse e preguntarse cousas sobre os diferentes países.


Na fase preliminar, os alumnos presentáronse a sí mesmos, ao seu instituto e á súa localidade. Despois deseñaron individualmente un logo para o proxecto e o votaron intragrupos e o mellor de cada un pasou a fase final. Foi un bo entretemento para eles e descubrimos que tiñan moita creatividade.

Para as actividades faltounos tempo. Os profesores deseñamos ata seis opcións diferentes ligadas ao patrimonio histórico, gastronómico, artístico, paisaxístico e musical e pretendíamos que cada grupo fixera cando menos dúas actividades. Finalmente quedou en unha e a meirande parte dos grupos decidiuse polo patrimonio de flora e fauna.

Fixeron un bo traballo e colaboraron en todos os aspectos. Sen embargo, as gañas do principio non se mantiveron ata o final. Por iso, creo que hai que acurtar a fase preliminar e centrarse máis nas actividades.

A parte final consistía en facer un xogo da oca, na que as casillas reflectiran o traballo feito polo alumnado. A montaxe fixémola os profesores españois con todo o material que tiñamos acumulado. Na videoconferencia final co profesorado e alumnado socio queremos amosarlles o traballo e xogar cando menos unha partida.



Antes desa videoconferencia queremos pasar un cuestionario ao alumnado e ao profesorado para coñecer o positivo da actividade e as suxerencias de mellora.

Polo tanto, consideramos a experiencia moi positiva e digna de ser repetida, corrixindo certos aspectos e centrándonos máis nas actividades."


16 maio 2021

Aprendizaje interdisciplinar en tiempos de COVID-19


O proxecto Aprendizaje interdisciplinar en tiempos de COVID-19 foi desenvolvido durante o curso 20/21 polo IES de Poio, o Agrupamento de Escolas de Muralhas de Minho de Valença e o IES Iturrama de Pamplona.


Nos tres centros escolares participaban entre dous e tres docentes de diferentes materias, pois o proxecto buscaba unha abordaxe multidisciplinar.





Os seus obxectivos foron:
  • Mellorar competencias clave, fundamentalmente a competencia dixital e lingüística, así como a competencia en ciencia e as competencias sociais e cívicas.
  • Traballar medidas e hábitos de prevención fronte á COVID 19.
  • Profundizar no coñecemento e difusión dos protocolos COVID dos centros escolares.
  • Estudar o impacto emocional da crise sanitaria.
  • Crear entornos dixitais seguros para a ensinanza multidisciplinar en liña das diferentes materias implicadas no proxecto.

Tras unha fase de presentación de alumnado, dos seus centros e localidades e de elección de logo para o proxecto, organizados en grupos nacionais traballaron os protocolos COVID dos seus centros e elaboraron carteis informativos.

Entraron logo na fase de formación de equipos internacionais, organizándose tras unha fase de traballo en foros e elixindo os nomes dos equipos.

Unha vez formados os grupos internacionais, cada grupo elaborou preguntas para os distintos bloques dun cuestionario sobre o impacto emocional da crise sanitaria. Foron publicadas as respostas e tamén se traducíu o cuestionario a galego, portugués e esuskera e se pasou nos centros escolares.

Pasouse logo á fase de traballo multidisciplinar das materias do proxecto con escape rooms. Estes escape rooms foron creados polos equipos internacionais en tres fases: creación colaborativa das historias, creación das probas e enigmas e, por último, entrouse na fase de xogo dos escape.


Levouse a cabo unha avaliación inicial sobre as competencias clave traballadas no proxecto e ,unha vez rematado, unha avaliación final para analizar a mellora na súa adquisición.

O proxecto foi avaliado por alumnado e profesorado e se publicaron tanto os resultados como unha análise dos mesmos.

12 junho 2020

"Tour por la ciudad ideale"

A profesora Ana Santos do I.E.S Valle Inclán de Pontevedra, quere compartir con todos nos un novo Proxecto no que ven de participar o seu centro.

17 dezembro 2019

ROBOT EUROPEAN DANCE


A profe Tamara Carreira, envíanos este artigo sobre o proxecto “Robot European Dance” que integraba a robótica e a cultura propia, e tiña por obxectivo promocionar o baile tradicional mediante a programación de robots bailaríns. Cada centro debía programar unha coreografía típica do seu país e compartila co resto de socios, para que todos coñecesen e bailasen as danzas propias de cada lugar cos seus respectivos robots. Como proxecto final, debíamos deseñar unha danza colaborativa e bailar todos xuntos por videoconferencia.

Participamos cinco centros de tres países diferentes (dous españois, dous polacos e un grego). No noso caso, o alumnado participante cursaba 4º curso de E. Primaria e os robots empregados eran os mBots do Programa da Consellería de Educación "Introdución á Robótica Educativa na Educación Primaria". Pero as idades dos demais participantes, así como os robots empregados, eran moi variados; o que dificultaba a programación e propoñía retos que debiamos resolver en equipo.
O primeiro paso, foi  coñecer os mBots e explorar as súas posibilidades. Fixemos unha pequena presentación para os demais centros participantes e tamén coñecemos os robots que eles empregarían: beebots, ozobots, photón, thymio... Ata votamos polo noso robot favorito.

Despois comezamos a preparar a nosa coreografía. 



A “Muiñeira dos Nenos” foi a música e danza elexida, adaptándoa ás posibilidades dos mBots. Programamos puntos e picados para os bailadores e bailadoras. E cando o baile estivo rematado, vestimos os mbots con saias e monteiras para a ocasión e gravámolo en video para que reproduciran os nosos compañeiros.     
A nós tocounos facer o mesmo cos seus bailes: o chotis, o valse, a gerakina, as sevillanas, a polonesa... Foi moi divertido e enriquecedor visualizar os videos e tratar de 
decodificar cada paso. Había que calcular tempos, velocidade, ángulos de xiro...
Cando todos bailamos todas as danzas, comezamos a elaborar unha coreografía conxunta. E de aí saíu a danza final que bailamos mediante videoconferencia coa música “It’s a small world”. Para finalizar, autoavaliámonos e cada centro elixiu o seu baile favorito. Como curiosidade, a muiñeira saíu elexida como a danza máis fermosa de todas as traballadas.
Con este proxecto, os tres países participantes recibimos o Selo de Calidade Nacional e, posteriormente, tamén o Selo de Calidade Europeo. A prensa escrita fíxose eco deste recoñecemento e o programa Luar da Televisión de Galicia convidounos a bailar a nosa “Muiñeira dos Robots” en directo para os seus telespectadores.

GENIALLY
XORNAL “LA VOZ DE GALICIA” 
PROGRAMA LUAR

16 setembro 2019

▬ OPTIME

“Orientados ao patrimonio cultural e a inclusión desde unha mirada europea” (OPTIME) é un proxectoo eTwinning vencellado a  unha Asociación escolar Erasmus+ KA229 de Intercambio entre centros escolares.

Trátase dun proxecto transnacional  deseñado por catro centros escolares no marco do ET2020, o Ano Europeo de Patrimonio Cultural e a Declaración de París.

A nosa asociación inclué catro institutos de España, Italia, Bulgaria e Austria: o IES de Poio na localidade do mesmo nome, o Instituto Tecnico Statale Economico Raffaele Piria- Ferraris/ Da Empoli en Reggio Calabria, o Instituto Bilingüe Miguel de Cervantes en Sofía e o Bernoulligymnasium en Viena. O alumnado participante ten entre 15 e 18 anos.

O obxectivo xeral do noso proxecto consiste en crear unha rede escolar de cooperación e intercambio de boas prácticas que nos permita desenvolver unha aprendizaxe baseada en proxectos sobre o tema do patrimonio cultural europeo cun tratamento transversal da inclusión social. Reforzaremos así a nosa dimensión europea e a capacidade de enfrontar novos desafíos.

A nosa motivación reside no coñecemento e o compromiso co patrimonio cultural material e inmaterial. Entendemos que é un recurso fundamental para o crecemento económico, o emprego e a cohesión social. Ten, polo tanto, un gran valor educativo.

O noso proxecto busca, ademais, promover a inclusión social, incidindo na loita contra a discriminación, a segregación, a xenofobia, o acoso escolar e a violencia.

Outros obxectivos son mellorar a competencia social, cívica e intercultural, a competencia lingüística en lingua materna e linguas estranxeiras e a competencia dixital. Promoveremos o empredemento e a empregabilidade para facilitar ao noso alumnado o acceso ao mundo do traballo nun contexto europeo.

Realizaremos catro Actividades de intercambio de curta duración de alumnado. Nelas desenvolveremos: obradoiros de conversación e restauración de bens culturais, de voluntariado en preservación de patrimonio; obradoiros de inclusión e integración, de mediación escolar entre iguais; obradoiros de TICs, de emprendemento e orientación profesional; seminarios, conferencias, visitas a patrimonio. Nos períodos intermedios cada centro organizará obradoiros de diseminación das Actividades transnacionais,conferencias, sesións de traballo para o desenvolvemento do noso proxecto e a elaboración de produtos finais.

Desenvolveremos un proxecto eTwinning e traballaremos en liña de xeito colaborativo no Twinspace nos períodos entre mobilidades. 

Propiciaremos a participación de axentes externos a nivel local e rexional para compartir unha rede de cooperación a nivel europeo. En Galicia cooperan co proxecto a Escola Superación de Restauración e Conservacións de Bens Culturais de Galicia, a Sección de Filoloxía Clásica da Universidade de Santiago de Compostela e a Sección Galega da Sociedade española de Estudos Clásicos e mais o Concello de Poio. En Reggio Calabria cooperan o Concello e a asociación Italia Nostra. En Viena colaboran o Concello e a asociación Österreichischer Integration Fonds. En Sofía contamos coa colaboración da Sección de Filoloxía Hispánica da Universidade de Sofía e a Nova Universidade de Sofía, do Concello e da Axencia Turística Elfie Tours.

Consideramos que tanto o coñecemento como o aprecio por un patrimonio cultural compartido e á vez diverso, axudarannos a fomentar o diálogo intercultural e a inclusión social nas nosas comunidades educativas, pertencentes a contornas socioculturais e económicas moi diversas.

Esta é a páxina web do noso proxecto.
Este é o Twinspace do noso proxecto eTwinning.

01 setembro 2019

▬ Show your love

A profesora Arancha Pernas Temes do CEIP Plurilingüe de Abanqueiro, Boiro, ven de poñerse en contacto coa Embaixada eTwinning en Galicia para comunicarnos a concesión do Selo de calidade nacional para o proxecto Show your love.

Deixamos aquí o resumo do proxecto feito pola profesora.
Parabéns a todos os participantes no proxecto!


“Show your love (Amosa o teu amor)  xurdiu da colaboración entre diferentes países de toda Europa (Turquía, Ucrania, Croacia, Italia, Serbia, Romanía, Portugal, Macedonia e o noso centro desde España) a través da plataforma eTwinning, onde mestres de diferentes países traballan de forma colaborativa cos seus alumnos en proxectos co fin de coñecer distintas culturas e cuxa lingua vehicular é o inglés.

O principal obxectivo do proxecto foi traballar a expresión de emocións en distintos ámbitos e mellorar a competencia comunicativa e dixital. O proxecto inicial estaba enfocado para o alumnado de 5º de Educación Primaria, pero unha vez exposto ante o claustro, os mestres encargados de dinamizar a biblioteca decidiron acollelo como tema principal ao longo do curso, o que fixo que trascendera da miña aula de inglés e implicara a moitos máis alumnos e mestres.ç

 O proxecto dividiuse en 3 etapas:
- 1º trimestre: mostrar amor hacia os animais. Por unha banda, creamos un mural coas fotos dos alumnos e as súas mascotas. E, por outra banda, participamos na gravación da canción “Old Macdonald had a farm” entre todos os centros europeos.

- 2º trimestre: mostrar amor hacia os demais e en especial hacia os maiores. Nesta etapa tamén levamos a cabo dúas actividades: a primeira foi proposta polos fundadores do proxecto, que consistiu en formar parellas entre os centros participantes de forma aleatoria e gravar aos alumnos dicindo “Te quiero” na lingua do país seleccionado. No noso caso os alumnos de 5º tiveron que dicilo en turco, que sería “Seni sevyorum”. Nós pedímoslles que ademáis de dicilo en castelán, tamén o gravasen en galego, explicándolles que na nosa autonomía temos unha lingua cooficial. A maiores, dende o noso centro fixemos dúas saídas. O alumnado de 1º a 3º de primaria visitou o Centro de Día de Boiro e o alumnado de 4º a 6º o Cotolengo en Santiago. Nestas visitas intercambiaron distintas actividades e xogos cos maiores ademáis de levarlles un agasallo moi especial. Dado que o centro é plurilingüe na área de plástica, o alumnado elaborou uns paxariños e unhas rosas de fieltro, en función do grao de dificultade, para poñer na solapa da chaqueta que lles entregaron o día da visita.

- 3º trimestre: mostrar amor e respecto hacia a natureza e o medio ambiente, fase levada a cabo en colaboración con Manos Unidas a través da elaboración dun horto ecodidáctico, onde unha enxeñeira agrónoma explicou ao alumnado de todo o centro todas las labores de labranza. Asimesmo, e a través dun contaconto, concienciouse ao alumnado acerca do consumo responsable."

29 agosto 2019

▬ Letras Galegas

No ano 2020 cúmprese a décima edición do proxecto "Letras Galegas" no que se rende tributo á figura de Ricardo Carvalho Calero. Como novidade respecto a anteriores edicións, a lingua de comunicación é o galego/portugués en vez do inglés


Este proxecto, dinamizado polo EDLG, vense desenvolvendo ininterrompidamente dende 2011, homenaxeando en cada edición ao autor ao que se dedica ese ano o Día das Letras Galegas, e en xeral á creación artística en galego.

O eixo principal sobre o que se desenvolve o proxecto é o concurso de marcapáxinas que cada ano convoca o IES San Clemente para fomentar a creatividade e orixinalidade por parte do alumnado, pero ao longo das distintas edicións do proxecto viñéronse desenvolvendo moitas outras actividades complementarias: vídeos, timelines, enREDadas, wikipedia, scape rooms, analytics, etc.
Queremos destacar dous aspectos importantes:
  • Neste proxecto participaron unha grande cantidade de centros educativos galegos, xunto con socias doutros lugares de España e de Europa.
  • Recibiu varios selos de calidade nacionais e europeos en Polonia, Francia, Italia e Portugal.
  • Por primeira vez, no 2019, foi concedido o selo de calidade nacional en España sendo o coordinador Alex Dapena, profesor do IES San Clemente.
Máis información:

04 agosto 2019

▬ GaliMinho – Emprendedorismo da Eurorregião

Proxecto eTwinning desenvolvido no ano escolar 2018/2019 por profesorado e alumnado do IES San Clemente, Santiago de Compostela, e do AE Carlos Amarante, Braga, Portugal.

No centro galego participou o alumnado do ciclo Estrela PluriFP SMR coa coordinación de Marcos Vence e Catarina Reis, tendo como socia a profesora Adelina Moura.




O alumnado participante estudaba cursos profesionais de Informática. Traballaron temas relacionados co módulo Aplicações Ofimáticas, coa lingua portuguesa e co emprendemento. Exemplos de produtos: manuais técnicos, presentacións con ideas de negocio e follas de cálculo de facturación, todos eles en portugués.

O proxecto recibiu o Selo de Calidade eTwinning en España e Portugal.

Máis información:

29 junho 2019

▬ Ed Twinning - The Time Reporter

Esperanza Doval do CEIP de Sestelo-Baión, preséntanos o proxecto "Ed Twinning - The Time Reporter", que foi presentado como "exemplo de proxecto de calidade con escolas socias portuguesas" nunha actividade de formación da Embaixada.

Podedes ver o Diario de Proxecto nesta ligazón:
 

"Ed Twinning é un xornalista novo que recibe do seu tío Tim, un famoso científico, unha herdanza inesperada: unha pequena casa de campo. Con sorpresa, descobre a última invención: unha máquina do tempo. Ademais da máquina, o tío aínda lle daría un diario con varias indicacións e unha nota cunha mensaxe estraña. Ten así idea de viaxar no tempo para lograr exclusivas con importantes personalidades vinculadas á historia, arte, ciencia, etc. de Europa.
Os nosos alumnos axudaron ao novo xornalista e embarcarse nesta fantástica aventura... investigaron, prepararon as entrevistas, deseñaron máquinas do tempo, etc.



Con este proxecto preténdese que o alumno desenvolva a formación en comunicación escrita e oral, non só na lingua materna senón tamén nunha lingua estranxeira, cidadanía, expresión cultural
e artístico e TIC. Os alumnos compartiron as súas "entrevistas" nun BLOG que é visible no TwinSpace, que está oculto. Tamén presentaron outros textos e obras, compartindo información sobre o seu país en diversas áreas. Buscaron conexións, semellanzas e diferenzas, creando varios traballos de colaboración cos compañeiros. Como futuros cidadáns, reflexionaron sobre os valores europeos, a identidade europea e importancia da sociedade multicultural. 
Na súa investigación sobre países socios aprenderon a usar ferramentas web, presentar e compartir traballos e opinións. Aprenderon o importante que é non só colaborar no traballo dos compañeiros, como no produto e a avaliación das distintas actividades."

28 junho 2019

▬ Animals in the kindergarten


As profesoras Silvia Betanzos Tajes, Lucía Doval Sánchez e Mariña García San León, do CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro da Silva, Cerceda, preséntannos o proxecto Animals in the kindergarten:

"A nosa intención con este proxecto era aumentar a presenza da lingua estranxeira como a lingua común en Educación Infantil e, ao mesmo tempo, favorecer a transferencia entre os idiomas de todos os socios participantes, enriquecendo as habilidades orais dos nenos. As actividades organizáronse en tres talleres: cociña, arte (música e plástica) e medio ambiente. Todas as tarefas centráronse en traballar o vocabulario referente aos animais sendo algunhas colaborativas entre os centros.


Creouse unha contorna atractiva na aula, con rutinas, tarefas lúdicas e traballos en grupo, para captar o interese do alumnado. Fíxose uso de variedade de estratexias comunicativas, tanto verbais como non verbais: xestos, linguaxe corporal, repetición, visualización, etc. En todo este proceso as TIC tiveron un grande protagonismo, sendo esenciais para a comunicación coas comunidades educativas dos centros participantes.

Partindo da coordinación en todo momento co profesorado titor, as tarefas que realizamos desenvolvéronse de forma integrada con aquelas que se estiveron realizando nas titorías. Desta maneira, o traballo organizouse ao redor de tres fíos temáticos: proxectos de aula, proxectos de centro e actividades complementarias e extraescolares. A nosa proposta permitiu, por tanto, integrar linguas e contidos e isto reflectiuse no Proxecto Lingüístico de Centro: criterios metodolóxicos comúns, tratamento similar de contidos, mesmas liñas de avaliación, etc.

Presentouse unha idea de proxecto por parte do noso centro e estableceuse contacto persoal mediante correo electrónico cun centro de Polonia. Os docentes asociados comunicáronse mediante o correo de interno de eTwinning organizando as tarefas e os tempos. Os alumnos compartiron o seu traballo mediante vídeos e programas informáticos para a presentación, intercambio e colaboración na realización das distintas actividades.

Foi moi gratificante poder compartir experiencias con centros doutros países, tanto para o profesorado como para o alumnado, que en todo momento se sentiu motivado coa participación no proxecto.

Os resultados do proxecto están accesibles no Twinspace, seguindo a planificación inicial do mesmo, segundo pode verse na ficha de eTwinning Live."

08 dezembro 2018

▬ On a journey with the ARTist


On a journey with the ARTist




O proxecto “On a journey with the ARTist” é a aventura que emprendemos seis colexios europeos de Bélxica, Finlandia, Grecia, Irlanda, Romanía e España da man de Jan, a nosa mascota para conseguir a través dunha linguaxe universal como é a arte (nos seus diferentes campos: pintura, música, teatro…) coñecernos mellor e seguir descubrindo que sempre son máis os aspectos que nos achegan que os que nos separan. Para levar a cabo o proxecto con éxito servímonos de numerosas ferramentas dixitais que nos facilitaron a creación de actividades e poder compartilas e intercambialas, para o que eTtwinning tamén foi clave. Ademais, tivemos a oportunidade de coñecernos nas dúas viaxes que foron organizadas para o alumnado, unha no noso colexio e outra en Bélxica.

O proxecto dividiuse en 3 anos:
  • O primeiro adicámosllo á pintura onde coñecemos artistas e obras de arte dos diferentes países e posteriormente creamos e reproducimos algunhas delas utilizando distintos materiais e técnicas, converténdonos así en verdadeiros artistas.
  • No segundo centrámonos na música. Ademais de coñecer artistas e pezas musicais dos distintos países, creamos a canción do proxecto e a súa coreografía.
  • O terceiro adicámosllo ao teatro. Creamos unha historia colaborativa na que Jan, a mascota viaxaba polos distintos países socios. Esta obra foi interpretada en todos os colexios para as nosas Comunidades Educativas o pasado mes de xuño.


PÁXINA WEB DO PROXECTO: http://art.languages.ro/


     

19 novembro 2018

▬ Había una vez...



Neste proxecto os alumnos  de Quinto de Educación Primaria colaboraron cun colexio italiano, tomando como punto de partida o estudo dos edificios históricos do seu entorno, comparándoos con edificios da mesma época que estudaban os seus socios, xa que o primer obxectivo do proxecto era coñecer a nosa historia e a súa relación con outras culturas europeas.

A través de actividades interactivas, e integrando as novas tecnoloxías no seu proceso diario de aprendizaxe, os alumnos realizaron diversas actividades, traballando os obxectivos específicos do seu curso referentes á expresión oral e escrita, á vez que aprenderon que a lingua é sobre todo unha forma de expresarse, e que hoxe en día podemos comunicarnos de forma activa e traballar con compañeiros doutros países. 

Tamén se traballaron obxectivos doutras materias como o coidado da natureza e do patrimonio artístico… tendo unha grande importancia aspectos como a interculturalidade ou o espírito europeo e as súas influencias na sociedade actual. Ao longo do proxecto enlazamos con temas de actualidades como o papel das mulleres na ciencia actual, as mulleres na historia (elaboraron unha colección de libros ilustrados cunha protagonista que percorría a Pontevedra medieval: a feira franca, a construción de Santa María, o Castelo de Soutomaior... e nos contaba o papel das mulleres neses lugares)  ou o drama dos migrantes nas costas de España e Italia.

Os alumnos visitaron e estudaron o Convento de San Francisco, a Basílica de Santa María a Maior (ambos en Pontevedra cidade), o Mosteiro de Poio, a Catedral de Santiago (de forma especial o Pórtico da Gloria), ao mesmo tempo que os alumnos italianos estudaban edificios relacionados de algunha forma con eles. Para rematar entre todos estudamos un edificio actual: a sede do Parlamento Europeo. Ao rematar cada trimestre elaboraban un conto interactivo (utilizando as diversas formas de expresión escrita que marca a lei para sexto: diario, conto, poesía, teatro.... e elaboraban tamén xogos interactivos con diversas plataformas que se utilizaban para “competicións” mixtas con grupos formados por alumnos españois e italianos que que nos servían de ferramenta de avaliación (tanto pola forma de elaborar os xogos e de facer as preguntas como polas respostas mesmas). Nalgún caso invitamos ás familias a xogar tamén.

Como ferramentas interactivas traballamos programas para presentar traballos: power point, prezzi, diarios interactivos, liñas do tempo interactivas, tiñamos a nosa propia conta de twitter para expoñer traballos, o blogue de clase e incluso utilizamos o Minecraft na súa versión educativa para construír o Parlamento Europeo.

Tamén contamos coa comunidade non educativa, con charlas do CSIC, dun peregrino, dun estudoso do Camiño de Santiago...

Foi un proxecto moi interesante, no que os alumnos se implicaron e aprenderon moito... ao mesmo tempo que se divertiron e coñeceron o seu entorno dunha forma real e práctica.

▬ When there is a will there is a way


O colexio plurilingüe Sta Teresa de Jesús-Carmelitas Ourense, recibiu o selo de calidade europeo polo proxecto eTwinning que os alumnos de 3º ESO levaron a cabo o curso pasado: Where there's a will, there's a way.

Grazas á participación neste proxecto os nosos alumnos mantiveron unha comunicación activa con dez colexios doutros países europeos  e elaboraron materiais empregando de maneira adecuada as TIC.

O obxectivo do proxecto era animar aos estudantes a pensar como poden contribuír a reducir o consumo de enerxía e desfacerse dos hábitos insustentables existentes. Ademais, é importante que os estudantes se pregunten de onde provén a enerxía que consumen no fogar e na escola e como se produce, así como investigar outras posibilidades e aprender dos outros participantes europeos do proxecto.

▬ Proxecto Nautilus


CPR Plurilingüe Losada Vigo
Lycée Nicolas Appert, Orvault-Nantes

O Proxecto Nautilus xira en torno á figura do escritor francés Jules Verne e a conmemoración en febreiro de 2018, do 150 aniversario da chegada do Nautilus á Ría de Vigo en busca dos tesouros afundidos na Batalla de Rande.

Os centros participantes son o CPR Plurilingüe Losada de Vigo e o Lycée Nicolas Appert, de Orvault-Nantes, Francia. Participaron 63 alumnos de entre 15-16 anos e un equipo de 16 profesores de ambos centros.

Durante doce meses desenvolvéronse, en español, francés e inglés, diversas actividades implicando as áreas de xeografía e historia, linguas estranxeiras, literatura, bioloxía, enxeñería industrial, tecnoloxía, informática, arte, física e química e educación física.

Producíronse grande variedade de resultados tales como a creación dun multi-xeocaching sobre a Ruta Verniana no casco urbano de Vigo e un earthcache na Illa de San Simón, baseadas na visitas do escritor á cidade, a creación de unha aplicación para móbiles e tablets Android “Siguiendo las huellas de Jules Verne en Nantes” en 3 idiomas, a elaboración do Atlas da obra “Robur o conquistador”, que publicará a Sociedad Hispánica de Jules Verne, un Trivial dixital Jules Verne, audiovisuais, programas radiofónicos, ebooks, xogos con aplicacións dixitais, etc.

Este proxecto pretende contribuír desde a faceta escolar á difusión do patrimonio cultural común que nos une gracias ao autor: o mundo literario, histórico e científico- tecnolóxico e recoller ademais, o espírito de unha época de innovación e de avances científicos que anticiparon o futuro.

06 julho 2018

▬ Building linguistic bridges: from Classical to Modern languages

Building linguistic bridges: from Classical to Modern languages  é un proxecto eTwinning desenvolvido entre o IES de Poio e o  Experimental Lyceum of Agioi Anargyroi en Atenas.

.Consistíu nun curso en liña de español e grego moderno completamente deseñado, implementado e avaliado polo alumnado. No centro galego foi un proxecto interdisciplinar entre os departamentos de Grego, Tecnoloxía e dinamización lingüística no que participou alumnado de 1º de bacharelato e 4º da ESO.

Estudantes galegos e gregos produciron todos os materiais de aprendizaxe e, partindo do seu coñecemento das linguas clásicas, cada grupo de traballo internacional  ensinou a súa lingua aos seus compañeiros do outro instituto. O inglés foi a lingua de comunicaión.

O coñecemento e o aprecio por unha herdanza cultural compartida servíu de base para o diálogo intercultural antre as nosas comunidades escolares.
O noso proxecto buscou mellorar a competencia lingüística e dixital do alumnado. Éste desenvolveu o seu coñecemento das linguas clásicas para converterse en bos ensinantes de linguas modernas para os seus compañeiros.

Estas son as ligazóns ao Twinspace e á páxina web do proxecto.

▬ Familia europaea


Familia Europaea é un proxecto eTwinning desenvolvido por alumnado de Estremadura, Polonia, Alemaña e Italia no que particpou tamén alumnado de Latín de 4º de ESO do IES de Poio. 

Estivo enfocado a traballar os primeiros 8 capítulos do manual Lingua Latina Per Se Illustrata con actividades colaborativas entre alumnado europeo.O seu obxectivo principal foi a experimentación da interrelación de metodoloxías activas como a gamificación, a aprendizaxe baseada en problemas, a aprendizaxe colaborativa, entre outras, co método inductivo contextual propio de LLPSI. 

Moitas das actividades realizáronse en contextos intrdisciplinares, coa participación doutras aŕeas.Buscouse a mellora en competencias clave, inicidindo especialmente en Competencia Lingüística, Competencia dixital, Aprender a aprender, la Competencia social e cívica, así como a Competencia en conciencia e expresión cultural.

Outro dos obxectivos do noso proxecto foi promover o uso da plataforma eTwinning entre o profesorado de Clásicas.

Estas son as ligazóns ao Twinspace, á páxina web e ao blog do proxecto.

23 junho 2018

▬ 2018 European Heritage for small and young pupils

O alumnado de 5º de infantil do CPI de Mondariz, realizou un proxecto eTwinning sobre patrimonio europeo, tema europeo do 2018. Para elo contaron co seu profesor de AL Aarón e a súa titora Anita.

Durante o proceso, compartimos aspectos culturais e vimos os de outros países. Tamén mostras de arquitectura, comidas, música, xogos, etc. Tampouco faltaron xogos e unhas conexións en vivo con alumnado de outros países.

 Fixemos unha síntese das cousas mais relevantes, pero senón invitámosvos a ver o proxecto no link



Ao final tivemos o ansiado premio: o Selo de Calidade Nacional.








et2

E o europeo:


▬ Spring Tale

O alumnado de 6º de infantil do CPI de Mondariz, realizou un proxecto eTwinning sobre a primavera. Para elo contaron co seu profesor de AL Aarón, a súa titora Cris e a profe de apoio Yoli.

Durante o proceso, observamos os cambios na natureza antes, durante e despois da primavera; tanto nos animais como nas plantas. Aumentamos vocabulario, exercemos dotes artísticas, celebramos efemérides como o día da Terra, da nai, etc. Non faltou tempo para observar e xogar no aire libre, aprender poemas, e moitas cousas mais.

Puidemos ver aos outros centros nunha conexión en directo.

Fixemos unha síntese das cousas mais relevantes, pero senón invitámosvos a ver o proxecto no link



Ao final tivemos o merecido premio do Selo de Calidade Nacional.


E o europeo: