22 junho 2021

Formación Embaixada 2021/2022

 

 

Estas son as actividades de formación do ano escolar 2021/2022 nas que colabora a Embaixada eTwinning Galicia:


eTwinning tamén é un complemento para grupos de traballo sobre aprendizaxe por proxectos, aprendizaxe cooperativa utilizando TICs e proxectos Erasmus+.

​Ademais, se estades pensando en participar en calquera programa do Plan Proxecta+, valorade a posibilidade de facelo xunto con outros centros europeos por medio de eTwinning.​

Sexa cal for a vosa necesidade, podedes contar co acompañamento da Embaixada eTwinning Galicia. ​Se tedes calquera dúbida, podedes consultala connosco: embaixada@etwinning.gal

20 junho 2021

Financiamento para eTwinning!

Se queres financiamento para o teu proxecto eTwinning, aproveita a convocatoria de EduExchanges

200 centros galegos recibirán 500 euros para costear as actividades do proxecto!

Prazo de solicitude: até 17 de setembro de 2021. 


 

17 junho 2021

Ocatwinning


Presentamos un dos proxectos eTwinning desenvolvidos dentro do Plan Proxecta na nova modalidade de Patrimonio cultural europeo en colaboración no programa eTwinning.

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais.

 Trátase do proxecto Ocatwinning desenvolvido polo IES Plurilingüe Pedra da Aguia,

Esta é a ligazón ao seu Twinspace.

O docente fundador Jacobo Santos cóntanos do proxecto:

"O noso proxecto encádrase dentro dos Plan Proxecta do curso 2020-21, relacionados co patrimonio histórico. 

A convocatoria saiu ao finais do primeiro trimestre e non conseguimos socios ata practicamente principios de febreiro.

A pesares de ser novos nisto dos proxectos eTwinning, fixemos de coordinadores dun grupo de catro países nos que tamén estaban Bulgaria, Francia e República Checa. 


Un total de 8 profesores e 60 alumnos de entre 15 e 18 anos mergullámonos nun ambicioso plan no que tivemos que ir rebaixando as expectativas a medida que se ía desenvolvendo.

Aínda que o noso instituto non foi golpeado pola pandemia, non podemos dicir o mesmo dosnosos socios, confinados practicamente dende outubro, no caso de checos e búlgaros, e durante boa parte do curso no caso dos franceses. A isto hai que engadir os diferentes periodos non lectivos de cada país nos que apenas coincidimos.

Polo tanto, moitos atrancos, pero moita ilusión e gañas de facelo ben. 

O idioma elexido foi o español, que tamén veu ben ao noso alumnado, maioritariamente galego-falante.

Ao ser novos, perdemos moito tempo nas fases preliminares o que motivou que a fase das actividades fora moi curta. En todo caso, un dos obxectivos fundamentais era a interacción entre o alumnado socio e iso conseguímolo totalmente, xa que houbo moito intercambio de mensaxes polo foro.

Dende o principio fixemos 6 grupos internacionais por cores aos que asignamos un profesor-guía. Estes grupos fixos e compostos por no máis de 10 persoas están reflectidos no índice de twinspace, nos fíos de debate e nas carpetas de materiais. Ademais, cando os alumnos se presentaron, o fixeron cun avatar que levaba a cor do seu grupo.

Outro dos obxectivos previstos era manter a privacidade do alumnado menor de idade. Unha páxina no twinspace fai referencia precisamente á política de privacidade e de dereitos de autor do proxecto.


Outro punto clave foi o desenvolvemento das competencias dixitais. Ao longo de todo o proxecto utilizamos unha gran variedade de ferramentas, ademais das propias que ofrece twinspace, como o twinmail ou o twinboard. Así, usamos Bitmojí, Canva, Adobe Spark, Tricider, Kahoot e Genially, xunto con outras ferramentas que proporciona Google como Drive, Forms, Gmail ou Meet. Aos rapaces non lles custou familiarizarse con elas e mesmo disfrutaron co seu uso.

Os profesores sempre estivemos en contacto por varias vías e mesmo por videoconferencias. Cos alumnos esta actividade resultou máis laborioso polo confinamento e pola non coincidencia de días e horas. Cando menos, fixemos unha e puideron xogar, coñecerse e preguntarse cousas sobre os diferentes países.


Na fase preliminar, os alumnos presentáronse a sí mesmos, ao seu instituto e á súa localidade. Despois deseñaron individualmente un logo para o proxecto e o votaron intragrupos e o mellor de cada un pasou a fase final. Foi un bo entretemento para eles e descubrimos que tiñan moita creatividade.

Para as actividades faltounos tempo. Os profesores deseñamos ata seis opcións diferentes ligadas ao patrimonio histórico, gastronómico, artístico, paisaxístico e musical e pretendíamos que cada grupo fixera cando menos dúas actividades. Finalmente quedou en unha e a meirande parte dos grupos decidiuse polo patrimonio de flora e fauna.

Fixeron un bo traballo e colaboraron en todos os aspectos. Sen embargo, as gañas do principio non se mantiveron ata o final. Por iso, creo que hai que acurtar a fase preliminar e centrarse máis nas actividades.

A parte final consistía en facer un xogo da oca, na que as casillas reflectiran o traballo feito polo alumnado. A montaxe fixémola os profesores españois con todo o material que tiñamos acumulado. Na videoconferencia final co profesorado e alumnado socio queremos amosarlles o traballo e xogar cando menos unha partida.



Antes desa videoconferencia queremos pasar un cuestionario ao alumnado e ao profesorado para coñecer o positivo da actividade e as suxerencias de mellora.

Polo tanto, consideramos a experiencia moi positiva e digna de ser repetida, corrixindo certos aspectos e centrándonos máis nas actividades."


04 junho 2021

Infografía "Erasmus+ e internacionalización do centro"

 O IES Xesús Taboada Chivite ven de preparar esta infografía sobre programas europeos  dentro do seu PFPP Erasmus+ e internacionalización do centro.

Lembremos que eTwinning é unha peza clave en calquera proxecto Erasmus.


16 maio 2021

Aprendizaje interdisciplinar en tiempos de COVID-19


O proxecto Aprendizaje interdisciplinar en tiempos de COVID-19 foi desenvolvido durante o curso 20/21 polo IES de Poio, o Agrupamento de Escolas de Muralhas de Minho de Valença e o IES Iturrama de Pamplona.


Nos tres centros escolares participaban entre dous e tres docentes de diferentes materias, pois o proxecto buscaba unha abordaxe multidisciplinar.





Os seus obxectivos foron:
  • Mellorar competencias clave, fundamentalmente a competencia dixital e lingüística, así como a competencia en ciencia e as competencias sociais e cívicas.
  • Traballar medidas e hábitos de prevención fronte á COVID 19.
  • Profundizar no coñecemento e difusión dos protocolos COVID dos centros escolares.
  • Estudar o impacto emocional da crise sanitaria.
  • Crear entornos dixitais seguros para a ensinanza multidisciplinar en liña das diferentes materias implicadas no proxecto.

Tras unha fase de presentación de alumnado, dos seus centros e localidades e de elección de logo para o proxecto, organizados en grupos nacionais traballaron os protocolos COVID dos seus centros e elaboraron carteis informativos.

Entraron logo na fase de formación de equipos internacionais, organizándose tras unha fase de traballo en foros e elixindo os nomes dos equipos.

Unha vez formados os grupos internacionais, cada grupo elaborou preguntas para os distintos bloques dun cuestionario sobre o impacto emocional da crise sanitaria. Foron publicadas as respostas e tamén se traducíu o cuestionario a galego, portugués e esuskera e se pasou nos centros escolares.

Pasouse logo á fase de traballo multidisciplinar das materias do proxecto con escape rooms. Estes escape rooms foron creados polos equipos internacionais en tres fases: creación colaborativa das historias, creación das probas e enigmas e, por último, entrouse na fase de xogo dos escape.


Levouse a cabo unha avaliación inicial sobre as competencias clave traballadas no proxecto e ,unha vez rematado, unha avaliación final para analizar a mellora na súa adquisición.

O proxecto foi avaliado por alumnado e profesorado e se publicaron tanto os resultados como unha análise dos mesmos.

26 março 2021

Escolas galegas con Selo de centro eTwinning - 2021

 




Vén de publicarse a lista de escolas europeas acreditadas co selo de centro eTwinning no 2021 na cuarta edición desta iniciativa. Nesta ocasión 2935 escolas europeas obtiveron a distinción, entre elas, catro galegas:
  • CEIP Plurilingüe Froebel, Pontevedra
  • EOI A Coruña
  • EOI de Vilagarcía de Arousa
  • IES Laxeiro, Lalín


O selo de centro eTwinning recoñece o traballo realizado con eTwinning no ámbito do centro educativo por equipos docentes e persoal de dirección. Parabéns aos premiados!

Xunto cos premiados na edición 2020-2021, en total son sete os centros galegos con eTwinning School Label vixente:
  • Colegio Internacional SEK-Atlántico, Poio
  • IES San Clemente, Santiago de Compostela
  • IES de Poio, Poio

Tan só teñen o selo o 2,3 % dos centros educativos europeos rexistrados en eTwinning.


20 março 2021

Difusión do Proxecto "No Camiño _ Auf dem Weg _ On the way" - EOI de Vilagarcia

Vos compartimos un proxecto da EOI de Vilagarcía ao que lle están dando difusión antes da súa posta en marcha por se é do voso interese.




 "Póñome en contacto con vostedes na Embaixada eTwinning Galicia para lles pór en coñecemento da difusión que planteamos nos vindeiros meses da proposta dun proxecto de eTwinning iniciada e impulsada polo departamento de alemán da Escola Oficial de Idiomas de Vilagarcía. 


Pretendemos iniciar xa a difusión no eTwinning, para a busca de socios internacionais. Asemade, de cara ás xornadas de/Internacionaliza a túa escola/ o 12 e 13 de marzo, intentaremos tamén crear as redes e sinerxias necesarias para atraer a posibles centros interesados, especialmente entre Escolas Oficiais de Idiomas.

 Asemade, nos vindeiros meses da fase 0 do proxecto, intentaremos que máis departamentos do noso propio centro se adhiran, para o cal nos gustaría arredor de finais de abril, principios de maio, facer unha sesión eTwinning no centro, dalo a coñecer, e presentar o proxecto ás xefaturas de departamento de cara ao seu desenvolvemento no curso 2021-2022." 

 Agradecemos a súa atención e agardamos seguir en contacto no tocante a esta iniciativa, 

 Escola Oficial de Idiomas Rúa Entrante, 
7 36600 Vilagarcía de Arousa 
 Tel.: 986 566 440 - Fax: 986 566 450 www.eoivga.org 

 Links: ------