20 setembro 2015

A Embaixada na Consellería de Educación

O pasado día 18 de setembro, os membros da Embaixada eTwinning en Galicia fomos convocados polo noso asesor, Ángel Sebastián, a unha xuntanza á que tamén asistiron Manuel Vila, Subdirector Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, e Fátima García Doval, responsable do Servizo de Formación do Profesorado.

Na orde do día da xuntanza, tratamos os seguintes puntos:

1. A celebración da próxima Xornada eTwinning, que se celebrará no EGAP, en Santiago, o sábado 24 de outubro. Podédesvos inscribir en FPROFE, e actualizaremos neste medio o programa, en canto estea confirmado o profesorado que comunicará experiencias. Sabede que haberá un obradoiro práctico para non iniciados en eTwinning e varias comunicacións específicas para atender diferentes demandas do profesorado galego: CLIL/Seccións Bilingües, Erasmus+, E-Dixgal/Abalar, Presentación de proxectos básicos para novos eTwinners.

2. Manuel Vila confirmou, novamente, que o proceso de recoñecemento de innovación educativa dos proxectos eTwinning, en Galicia, é un feito que só precisa un pouco máis de tempo. Como sabedes, solicitamos a certificación dos mesmos, para os Concursos de Traslados ou para os efectos oportunos. Dita valoración é efectiva en todas as Comunidades de España, agás en Murcia, Madrid e Galicia, constituíndo un agravio comparativo nada desexable. A certificación, en horas de formación/innovación, vai ser, en primeira instancia, para os proxectos que teñan refrendada a súa calidade mediante Premio (nacional ou europeo) e/ou Selo de Calidade (nacional ou europeo). Porén, o Vicedirector, asegurou, co apoio de Fátima García, que se estudaría a nosa proposta para a certificación daqueles proxectos que, non cumprindo o requisito anterior, podan xustificar un traballo (participación), na aula, merecedor de tal recoñecemento.

3. Revisión dos datos-resumo dos 10º Aniversario eTwinning en Galicia, que nos constitúen como unha comunidade activa e considerablemente recoñecida con Premios e Selos de Calidade (Nacionais e Europeos).

4. Informacións variadas sobre accións formativas en relación a eTwinning, diferentes da Xornada (punto 1), entre as que destaca a posibilidade de solicitar un PFPP no que iniciar, con docentes expertos en eTwinning, os primeiros pasos dun proxecto ou optimizar o uso da Plataforma eTw (Escritorio e TwinSpace) no seu desenvolvemento.


10 setembro 2015

Plan proxecta e eTwinning

Arranca o ano escolar 2015/2016. Moitos de vós participastes ou estades pensando en participar no Plan Proxecta da Consellaría de Educación, que este ano ten novos programas de distintas Consellarías, temáticas e alumnado albo.

A Embaixada eTwinning Galicia proponvos participar nun proxecto eTwinning relacionado co voso Plan Proxecta. Desta forma daredes unha dimensión europea ao "proxecta" traballando en equipo cun ou varios centros doutros países, e obtendo o certificado de Innovación correspondente.

Lembrade que podemos asesorarvos en persoa se creades un grupo de traballo ou similar.

Se tedes calquera dúbida, podedes consultala por mail no enderezo embaixada.etwinning@gmail.com


06 setembro 2015

▬ Mi pueblo es tu pueblo


O profesor Aarón Bernárdez do CPI MONDARIZ, MONDARIZ - GALIZA / GALICIA, España comparte con nos o selo de calidade
“…A un de novembro do 2014, comecei a miña osadía por eTwinning, Embarqueime nun proxecto cunha francesa que era tan novata coma mín. Polo camiño collemos a Clara, unha embaixadora etwinning de Calabria. Despois das xornadas de etwinning en Santiago, onde coñecín aos representantes galegos máis coñecidos, tiña algo mais claro o asunto.
O noso proxecto era en idioma español. Os alumnos españois tiñan adaptación curricular algúns, e outros problemas na lingua; os franceses TDAH, dislexia, problemas curriculares, etc; os mellores eran os italianos, que eran os maiores e estudantes de turismo. O seu traballo foi magnífico.
Pasamos por todo, momentos de parón, momentos de lacazanería, momentos de apretón, de desesperación.
Actividades como as do Nadal, as receitas amorosas, e os pasatempos, ou a mais importante: a que elexiron eles e se traballou conxuntamente: amizade, amor, libertade, non teñen desperdicio.
Convídovos a mirar o proxecto:
Ao final, de momento, temos o Selo de Calidade en España... e a esperar.


24 agosto 2015

QL para "Quién es?"

O proxecto eTwinning do CPR ALCA“¿Quién es?”, acaba de recibir o selo de calidade nacional.

A profesora Edelmira Riero coordina este proxecto xunto con unha socia francesa. O proxecto consiste na creación do xogo “¿Quién es?” e tamén na elaboración de presentacións sobre a vida cotiá, a vida na escola e as celebracións de cada país.

A Embaixada estivo presente na realización dalgunhas das actividades do proxecto.



14 julho 2015

▬ Let's Cook Together

O proxecto eTwinning do CPI Tino Grandío, Let's Cook Together, acaba de recibir o selo de calidade polo traballo realizado cos seus socios lituanos e polacos.

O proxecto, coordinado por Ana Arias Castro, desenvolve o tema da cociña desde diversos puntos de vista e tivo como produto final a realización dun blog onde se recollen as receitas elaboradas así como diversas actividades de acompañamento:

25 maio 2015

III Encontro de Embaixadores eTwinning

Os días 19 e 20 de maio de 2015 celebrouse o III Encontro de Embaixadores eTwinning.

O programa das xornadas incluíu:
  • A entrega dos Premios Nacionais eTwinning 2015
  • A celebración do 10º Aniversario eTwinning (twitter)
  • Unha serie de charlas sobre diversos temas, como a rede de embaixadores, calidade+ de proxectos, Twinspace e outras utilidades, para finalizar cunha mesa de debate sobre propostas de futuro (twitter)
Aquí podes atopar máis información sobre a xornada.

08 abril 2015

▬ eTwinautas nas cidades (in)visibles

Mª del Carmen Buitrón, profesora no CPI Viaño Pequeno, preséntanos este proxecto galardoado co premio europeo eTwinning 2015:


Tomando como pretexto o libro “As cidades (in)visibles” de Italo Calvino, o colexio CPI Viaño Pequeno (Trazo) e o Klasické a španělské gymnázium de Brno na República Checa, iniciaban en Febreiro de 2013 a aventura dunha viaxe compartida co proxecto etwinning “Matemáticas para viaxar ás cidades (in)sibles”. Foi unha longa travesía que durante seis intensos meses os levou a lugares como Praga, Brno, Telč, Žd'ár nad Sázavou, Český Krumlov, Lednice, Santiago de Compostela, Barcelona, Granada, Toledo, Valencia e Madrid.





Retornados despois desa primeira aventura, decidían buscar novos tripulantes e partir unha vez máis a explorar novos horizontes. Iniciaban esta vez “eTwinautas nas cidades (in)visibles” da man do IES Marc Ferrer de Formentera, o ISIS Oscar Romero de Albino (Italia) e a Malakoff videregående skole de Moss (Noruega) poñendo rumbo a Segovia, Crespi d'Adda, Litomyšl e Bergen. Todos os lugares tiñan un común denominador: seren espazos declarados de interese pola Organización das Nacións Unidas para a Educación a Ciencia e a Cultura (UNESCO); e eles tamén unha común empresa: unir os seus esforzos para descubrir neles “o invisible”.