24 outubro 2014

A Embaixada eTwinning na Consellería de Educación

No día de onte, os membros da Embaixada eTwinning fomos recibidos por Manuel Corredoira, Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e Manuel Vila, Subdirector Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado.

Esta convocatoria foi a resposta á nosa solicitude de sermos escoitados en relación ás propostas que como Embaixadores fomos desenvolvendo e/ou iniciando.

Entre elas, unha das prioritarias, e así se lles fixo constar, é a que se iniciou coa recollida de sinaturas para que a nosa Comunidade Autónoma certifique como innovación educativa aos Proxectos eTwinning con Selos de Calidade (Nacionais e/ou Europeos) ou premiados nas diferentes modalidades de concurso (Nacionais e/ou Europeos).


Esta acreditación está a ser efectiva en todas as Comunidades agás en Madrid, Murcia e Galicia, na actualidade. Esta circunstancia, que era descoñecida nestas instancias da Consellería, foi recibida e analizada, documentada co escrito que achegamos, e causa de que ambos responsables de Educación se comprometesen a iniciar conversas co Ministerio de Educación e Consellerías doutras Comunidades co obxecto de finalizar este agravio comparativo que os profesores galegos estamos a sufrir.

Na conversa, que se prolongou por case dúas horas, houbo espazo para todos os temas que quixemos expor, nunha mostra clara de respecto e interese polas nosas inquedanzas como etwinners. Respecto e interese que agradecemos, pois é un moi motivador punto de inflexión nunha época de silencios administrativos ante as nosas peticións e iniciativas, que pretenden representar as de todos os etwinners galegos. Tamén houbo, pois, tempo para outros temas como:

- Iniciativas da Embaixada: Formación e Difusión de eTwinning. Estas accións seguen a depender dos organismos CFR e CAFI, nas diversas formas en que xa se están a planificar. Parece complicado artellar un sistema “oficial” que recolla as posibles accións formativas que iniciamos ao haber certas incompatibilidades entre Consellería e Ministerio para certificar actividades de formación que non inician eles mesmos, ao estar Educación transferida, pero ser eTwinning un programa nacional.

- Creación do rol de Coordinador de Proxectos Europeos, como algunha normativa recolle, coas conseguintes responsabilidades e compensacións. A resposta obtida fixo referencia ao actual ROC, que non recolle este perfil, igual ca o doutras coordinacións, e que só pode ser negociado con Responsables Políticos e Sindicatos, no momento en que se redacte un novo Regulamento.

- As publicacións que a Embaixada eTwinning está a desenvolver, e que contaron con apoios do IES San Clemente de Santiago e mesmo do Ministerio de Educación Portugués, foron outro dos temas tratados, co fin de encontrar algunha liña de colaboración sempre que o noso formato coincida cos dos que a Consellería pode ofertar, e que, en calquera caso, sería en dixital, pero con acreditación para todos os que colaboran connosco. A actitude de busca de solucións aos nosos problemas á hora de conseguir o ISBN foi, tamén moi ben acollida por nós, que non a tiñamos encontrado con anterioridade.

Queremos compartir convosco a nova e, tamén, as emocións que alimentan a esperanza que nos dá forzas renovadas para continuar con esta nosa responsabilidade de difundir o programa e de ser as cabezas visibles de todos os profesores etwinners galegos, tendo en conta que Galicia é das Comunidades con mellores datos de participación e proxectos destacados pola súa calidade, datos que, desde hoxe, tamén se coñecen, de primeira man, na Consellería de Educación.


12 outubro 2014

E-Twinning nas Xornadas "Ensinar linguas no entorno europeo"


O tres e catro de outubro pasados celebráronse en Vigo as Xornadas Ensinar linguas no entorno europeo organizadas polos Centros de Formación e Recursos de Pontevedra e Vigo.
Dirixidas a profesorado de primaria e secundaria, tiñan como obxectivo presentar diferentes propostas metodolóxicas e organizativas que favorecen o desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística.

Anxos Rial, directora do IES de Poio,  e Carmen Fernández, profesora de Latín e Grego, participaron presentando a experiencia e-Twinning no seu centro.
Durante a sesión, ademáis, proporcionouse información sobre a figura dos embaixadores en Galicia, o blogue da embaixada e o seu apoio a profesorado interesado en traballar en  e-Twinning.
Unha semana máis tarde está xa en marcha un grupo de traballo formado por profesoras asistentes ás xornadas que van  traballar co programa no seu centro e que contarán co asesoramento e a docencia da embaixada galega.

10 outubro 2014

Entrevista co Conselleiro - Boas novas

Hoxe recibíronnos no gabinete do Conselleiro de Educación onde explicamos brevemente a situación de eTwinning en Galicia e solicitamos audiencia.

Dixéronnos que nos vai recibir con certeza e pedimos que fose o antes posible para conseguir que os proxectos eTwinning con Selo de Calidade sexan certificados como innovación, con efecto retroactivo, antes do próximo concurso de traslados.

Agradecemos a amabilidade con que nos trataron e estamos moi contentos por esta raiola de esperanza.


18 setembro 2014

Entrevista co Conselleiro de Educación

Unha das accións da Embaixada no ano pasado foi a recollida de sinaturas para solicitar á Consellaría de Educación que os proxectos eTwinning con Selo de Calidade sexan certificados como innovación, con efecto retroactivo.

A día de hoxe comprobamos que nin as solicitudes foron respondidas nin a proposta do coordinador eTwinning en Galicia foi aceptada.

Os membros da Embaixada solicitamos unha reunión co Conselleiro de Educación para explicarlle a necesidade de solucionar urxentemente este problema, que nos enche de vergoña e nos pon na cola do estado español.

Polo mesmo motivo decidimos facer unha pausa até que esta reunión se produza, exceptuando os compromisos previos coas universidades e coa campaña iníciate en eTwinning.

Agardamos contar co apoio de todos e todas as docentes.


12 julho 2014

Contacto coas Universidades Galegas

Durante os meses de xuño e xullo, a Embaixada eTwinning levou a cabo unha campaña de contactos coas Universidades Galegas co obxecto de conseguir unha liña de difusión do programa eTwinning entre os profesores das facultades, que chegue aos alumnos, futuros mestres.

Estes contactos foron levados a cabo a iniciativa da Embaixada e desenvolvidos en función de dúas zonas xeográficas: Zona Norte: Lugo - A Coruña - Santiago de Compostela e Zona Sur: Pontevedra - Vigo - Ourense.

No que respecta á Zona Norte, o acordo ao que chegamos foi, logo dunha primeira entrevista  (telefónica no caso de Santiago), que, xa iniciado o curso 2014/15, os Decanatos enviarán información ao Profesorado para incluír eTwinning nas súas materias, ben a nivel de difusión, ben a nivel de práctica formativa. Unha vez coñecido o profesorado interesado, negociarase coa Embaixada eTwinning en Galicia, a súa participación no desenvolvemento destas actividades.

Como liñas de traballo solicitadas (nun plano potencial) están as seguintes:

- Celebración de Xornadas para o alumnado / profesorado interesado.
- Participación de grupos de alumnos, nunha materia concreta, para presentación do programa e deseño dalgunha práctica formativa en eTwinning.
- Colaboración da Embaixada eTwinning en proxectos de Fin de Grao e/ou Mestrado que teñan o programa como obxecto de estudo.
- Busca de contactos entre profesorado universitario europeo para deseñar e desenvolver liñas de traballo conxuntas (docencia e / ou investigación).


Ver outras iniciativas desenvolvidas pola Embaixada eTwinning en Galicia coa Universidade:

13 junho 2014

▬ Triple AAA: All About Apples

O profesor Juan Antonio Gonzalez Parga envíanos este resumo do Proxecto que están a levar a cabo no seu centro Nuestra Señora del Carmen (Betanzos):

Por que consumimos mazás de Arxentina, Austria ou Chile cando temos a nosa propia produción? Unha sinxela pregunta como esta foi o xerme do noso proxecto: “Triple AAA: All About Apples”

As mazás sempre foron usadas como símbolos da orixe do mundo en moitos países europeos. Pódense atopar en campos como a arte, agricultura, economía e ciencia. Ademais, pódense atopar en todos os países e en calquer momento do ano. Sobre todo, consideramos que as mazás poden acercar á xente, e incrementar a sua cidadanía europea.

Plantación dunha maceira en Francia, durante a primeira visita do proxecto.

Con este fin naceu o noso proxecto: “Triple AAA: All About Apples”, formado por 9 países: Alemaña, Bulgaria, Estonia, Italia, Inglaterra, Francia, Austria, Chipre e España. Un tema tan, teóricamente, simple resultou ser apaixoante.

26 maio 2014

▬ Let's talk and enjoy


Desde a Estrada, da man de Araceli García, do CEIP Pérez Viondi, chéganos un proxecto interesante que queremos compartir convosco. É unha proposta para practicar o inglés oral na aula, en situacións reais, falando con outros alumnos europeos.
As tarefas do proxecto son de dous tipos:
1. Tarefas de comunicación asincrónica: consisten en facer gravacións dos alumnos/as falando en inglés e compartilas cos demáis membros do proxecto para poder facer actividades de comprensión oral con elas.
2. Tarefas de comunicación sincrónica: consisten en facer videoconferencias coas demais escolas participantes no proxecto, sobre o tema correspondente á unidade didáctica. Os nosos alumnos/as falan en inglés con outros alumnos/as dos outros países membros.