27 novembro 2017

Internacionaliza a túa escola

No 25 de novembro de 2017 celebrouse na EGAP (Santiago de Compostela) unha xornada de Erasmus+ e eTwinning, coa presenza da Embaixada Galega, para introducir estes programas ao persoal docente non iniciado.


O evento foi organizado por Victoria Penide do CAFI e Luz Ares de Programas Europeos e contamos coa presenza de Manuel Vila da Consellaría de Educación, Beatriz Tourón do SEPIE, Lourdes Gozalo do INTEF e docentes de diferentes etapas educativas que compartiron a súa experiencia en Erasmus+ e eTwinning: Mela R. Montegrifo do CEIP Vidal Portela, José Luis Souto do CIFP Someso e José M. Viñas e Carmen Mª Suárez  do IES David Buján.

Victoria Penide e Beatriz Tourón, na quenda de preguntas

Queremos destacar unha das frases máis motivadoras da xornada: "A primeira prioridade da Comisión Europea é conseguir que a mobilidade de docentes e estudantes sexa a norma e non a excepción." 

A representante do SNA eTwinning en Galicia, Victoria Penide, con varios membros da Embaixada Galega: Marcos Vence, Mela Montegrifo, Carmen Fernández e Cristina París.

24 novembro 2017

▬ Acting out democratic values in a united Europe: Forming resilient citizens

Proxecto con Selo de Calidade Europeo de María Carracedo Fontenla, do CPI Santa Lucía - Moraña

Parabéns!!

"Acting out democratic values in a united Europe: Forming resilient citizens", é un proxecto no que buscamos ensinar aos nosos alumnos e alumnas a importancia de valores humanos que hoxe en día son tan necesarios, coma a democracia, a tolerancia, a amizade e os dereitos humanos. Para traballar esto propoñemos diferentes actividades traballando con ferramentas variadas, nas que tanto alumnos coma profesores poidan participar. Estamos moi satisfeitos especialmente pola implicación dos nosos alumnos. Polo que está sendo unha experiencia moi gratificante para todos nós, tanto que xa acabamos de empezar a segunda parte do proxecto.


13 novembro 2017

▬ “Delirant isti eTwinnienses Romani!

“Delirant isti eTwinnienses Romani! é un proxecto enfocado a traballar o latín de maneira colaborativa entre o alumnado.

A profesora do IES de Poio Carmen Fernández traballou no  proxecto con socios de Estremadura, Alemaña, Polonia e Italia. 

O obxectivo principal foi desenvolver unha serie de actividades que permitisen un achegamento natural e activo á metodoloxía do Latín segundo o Marco Común de Referencia para as Linguas. (MCER)

Os nosos estudantes melloraron competencias clave como a comunicación en lingua estranxeira, aprender a aprender,  a competencia dixital, a competencia social e cívica, e a conciencia e expresión culturais.

As actividades buscaron a colaboración entre o alumnado desde diferentes perspectivas partindo da transmisión de coñecementos e chegando á creación de contidos.

Deste xeito, cada un destes produtos finais (presentacións, comics, xogos en liña, adiviñas, mapa colaborativo, instagram, twitter, etc) son resultado dun traballo colaborativo dos grupos internacionais de alumnado.

O proxecto foi obxecto sunha ampla difusión en páxinas de diferentes asociacións de Linguas clásicas nos países socios.
Presentado dende Poio á iniciativa da Comisión Europea Move2Learn,Learn2Move, resultou seleccionado. O alumnado galego visitou o Parlamento Europeo en Estrasburgo.



Este é o TwinSpace 

blog.

▬ AtlânticoVET

AtlânticoVET é un proxecto eTwinning liderado polo IES San Clemente, de Santiago de Compostela, no que participan os coordinadores de mobilidades Erasmus+, titores de FCT, profesores da sección bilingüe en portugués de SMR e auxiliares de conversa.
O proxecto axuda a xestionar a FCT no estranxeiro, serve de medio para realizar actividades nos módulos bilingües en portugués e inglés e tamén ten como obxectivo descubrir como mellorar a empregabilidade do alumnado no país de destino.

O traballo realízase no TwinSpace e no blogue atlanticovet.blogspot.com.

▬ Green Spots in Town

Green Spots in Town é un proxecto eTwinning de dous centros de FP:
Os alumnos do IES San Clemente realizan o papel de deseñadores e programadores web, na súa empresa virtual “ToxoSoftware”. Os alumnos gregos, que actúan como clientes deste servizo, precisan un website para publicar información e material sobre paisaxismo.

O resultado final é un website bilingüe en galego e grego con información técnica (recomendacións para unha mellor urbanización de zonas verdes, por exemplo), planos e debuxos feitos polos estudantes, imaxes de ambas cidades, etc.



O proxecto forma parte do programa “Lanzadeiras Coruña” (plan Eduemprende da Consellaría de Educación) e do plan do EDLG do IES San Clemente.

No centro galego participan os alumnos Félix Pardal, Pablo López, Pablo Otero, Daniel Rey, Daniel Herranz e Mario Michelotti, coa coordinación do profesor Marcos Vence e da auxiliar de conversa Maggie Ryan.

Distincións: Selos de Calidade Nacionais eTwinning en España e Grecia, Selo de Calidade Europeo eTwinning, primeiro premio na competición nacional eTwinning en Grecia, Move2Learn, Learn2Move

Máis información:

▬ Um tripé para o meu e-book

Um tripé para o meu e-book é un proxecto de fomento da lectura no que participou, na primeira edición (2016/2017), a sección bilingüe en portugués Sistemas Operativos en Rede de 2SMR do IES San Clemente (profesores Marcos Vence e Anxo Rajó), en colaboración coa ES Carlos Amarante de Braga (baixo a batuta da profesora Adelina Moura), a Escola Jorge Peixinho de Montijo e a Associação Casa da Árvore - Biblioteca de Poços de Caldas de Brasil.

Selo de calidade nacional en Portugal e España.
Selo de calidade europeo. 

Ligazón ao TwinSpace 

 



Na súa segunda edición
, no ano 2020/2021, mantivéronse os centros europeos e estreouse o Centro Paula Souza, de São Paulo, Brasil.



Gravacións de vídeos, lectura de textos, entrevistas, vídeo conferencias, presentacións, interacción con ferramentas TIC... unha "mixórdia" de actividades á volta dos libros.

Ligazón ao TwinSpace

Diario de proxecto 




2023/2024 – Um tripé para o meu e-book 3

Terceira edición do proxecto, coa participación do club de lectura estendida, as catro turmas PluriFP SMR e ASIR, e as escolas portuguesas AE Carlos Amarante de Braga e AE Monte da Lua de Sintra.


 

12 novembro 2017

▬ East or West, Home is Best

logo do proxecto
O proxecto eTwinning East or West, Home is Best, foi desenvolto no CPI Tino Grandío xunto cos seus centros socios en Lituania, Polonia e Ukraíña para traballar similitudes e diferenzas entre as localidades e países socios e mesmo con outros países do mundo.

O alumnado participante do centro galego pertencía ás seccións bilingües de xeografía e historia en lingua inglesa de 3º e 4º de ESO co cal os contidos traballados estaban incluídos no currículo, ben da materia de xeografía e historia, ben na de inglés.

Buscouse a comunicación entre todo o alumnado, especialmente a través do chat porque non foi posible tecnicamente a comunicación por videoconferencia.

O traballo desenvolveuse por medio de equipos internacionais, coordinados cada un por unha das catro profesoras participantes e centrados en diferentes aspectos culturais:
  • Grupo 1: Strange foods (comidas estrañas), realizou unha presentación sobre comidas curiosas e situou as máis chamativas nun mapa de Google Maps.
  • Grupo 2: My future avatar (o meu avatar futuro) centrouse en como será a vida no futuro, cunha presentación colaborativa sobre a cidade futura ideal e Vokis nos que o alumnado se vía no ano 2050.
  • Grupo 3: The place I love and treasure (o lugar que amo e estimo), cunha presentación, e puzles en Jigsawplanet sobre os seus lugares ideais. Tamén se realizou un vídeo pero esta actividade tivo certos problemas.
  • Grupo 4: Amusements in my own town or neighbourhood (diversión na miña vila ou barrio), no que se elaborou unha presentación, postais sobre diferentes lugares e un vídeo final con todo o material do grupo.
Finalmente todos os grupos expuxeron o seu traballo, houbo varias sesións avaliativas por chat e compartiuse o material realizado a través da revista do centro escolar e da  páxina web dos respectivos centros escolares.