29 agosto 2019

▬ Letras Galegas

No ano 2020 cúmprese a décima edición do proxecto "Letras Galegas" no que se rende tributo á figura de Ricardo Carvalho Calero. Como novidade respecto a anteriores edicións, a lingua de comunicación é o galego/portugués en vez do inglés


Este proxecto, dinamizado polo EDLG, vense desenvolvendo ininterrompidamente dende 2011, homenaxeando en cada edición ao autor ao que se dedica ese ano o Día das Letras Galegas, e en xeral á creación artística en galego.

O eixo principal sobre o que se desenvolve o proxecto é o concurso de marcapáxinas que cada ano convoca o IES San Clemente para fomentar a creatividade e orixinalidade por parte do alumnado, pero ao longo das distintas edicións do proxecto viñéronse desenvolvendo moitas outras actividades complementarias: vídeos, timelines, enREDadas, wikipedia, scape rooms, analytics, etc.
Queremos destacar dous aspectos importantes:
  • Neste proxecto participaron unha grande cantidade de centros educativos galegos, xunto con socias doutros lugares de España e de Europa.
  • Recibiu varios selos de calidade nacionais e europeos en Polonia, Francia, Italia e Portugal.
  • Por primeira vez, no 2019, foi concedido o selo de calidade nacional en España sendo o coordinador Alex Dapena, profesor do IES San Clemente.
Máis información:

12 agosto 2019

Inscríbete en Iníciate en eTwinning 2019-2020

Está aberto o prazo de inscricións no curso de Platega Iníciate en eTwinning que se desenvolverá durante o primeiro trimestre do ano 2019-2020.

Solicita a túa praza en fprofe antes do 23 de setembro!

Ficha técnica

Edicións anteriores:
  1. Primeira edición, ano 2017-2018
  2. Segunda edición, ano 2018-2019




04 agosto 2019

▬ GaliMinho – Emprendedorismo da Eurorregião

Proxecto eTwinning desenvolvido no ano escolar 2018/2019 por profesorado e alumnado do IES San Clemente, Santiago de Compostela, e do AE Carlos Amarante, Braga, Portugal.

No centro galego participou o alumnado do ciclo Estrela PluriFP SMR coa coordinación de Marcos Vence e Catarina Reis, tendo como socia a profesora Adelina Moura.




O alumnado participante estudaba cursos profesionais de Informática. Traballaron temas relacionados co módulo Aplicações Ofimáticas, coa lingua portuguesa e co emprendemento. Exemplos de produtos: manuais técnicos, presentacións con ideas de negocio e follas de cálculo de facturación, todos eles en portugués.

O proxecto recibiu o Selo de Calidade eTwinning en España e Portugal.

Máis información:

▬ Um parafuso a menos

Proxecto da sección bilingüe en portugués Fundamentos de Hardware de 1ASIR ordinario, desenvolvido durante os anos 2016/2017 e 2018/2019.

Ademais do alumnado deses dous grupos de FH, participaron os profesores Marcos Vence e Catarina Reis do IES San Clemente e Ricardo Luís da Escola Profissional ETAP de Viana do Castelo.

As tarefas colaborativas desenvolvidas centráronse no estudo do hardware e no vocabulario técnico en portugués.


O proxecto recibiu o Selo de Calidade eTwinning en España e Portugal.

Máis información:

18 julho 2019

Nova publicación da Embaixada eTwinning


Neste ano, 2019, publicouse o libroProcesos de comunicación en entornos educativos”, coordenado por Belén Puebla Martínez, Rainer Rubira García e Silvia Magro Vela, un esforzo por explicar a comunicación como compoñente esencial de diferentes espazos educativos.

O libro reúne dez capítulos en relación con este tema. Un dos capítulos, obra da embaixadora galega Susana Vázquez Regueiro, leva por título “eTwinning: el puente hacia una mejor comunicación del alumnado, que presenta este programa como metodoloxía de traballo para unha mellor adquisición da competencia comunicativa do alumnado participante, fixándose na vertente máis social desta competencia. A redacción do capítulo resume unha investigación documental e as conclusións derivadas dela.

Para acceder á versión dixital (e descargable) do libro podes premer neste enlace.

29 junho 2019

▬ Ed Twinning - The Time Reporter

Esperanza Doval do CEIP de Sestelo-Baión, preséntanos o proxecto "Ed Twinning - The Time Reporter", que foi presentado como "exemplo de proxecto de calidade con escolas socias portuguesas" nunha actividade de formación da Embaixada.

Podedes ver o Diario de Proxecto nesta ligazón:
 

"Ed Twinning é un xornalista novo que recibe do seu tío Tim, un famoso científico, unha herdanza inesperada: unha pequena casa de campo. Con sorpresa, descobre a última invención: unha máquina do tempo. Ademais da máquina, o tío aínda lle daría un diario con varias indicacións e unha nota cunha mensaxe estraña. Ten así idea de viaxar no tempo para lograr exclusivas con importantes personalidades vinculadas á historia, arte, ciencia, etc. de Europa.
Os nosos alumnos axudaron ao novo xornalista e embarcarse nesta fantástica aventura... investigaron, prepararon as entrevistas, deseñaron máquinas do tempo, etc.



Con este proxecto preténdese que o alumno desenvolva a formación en comunicación escrita e oral, non só na lingua materna senón tamén nunha lingua estranxeira, cidadanía, expresión cultural
e artístico e TIC. Os alumnos compartiron as súas "entrevistas" nun BLOG que é visible no TwinSpace, que está oculto. Tamén presentaron outros textos e obras, compartindo información sobre o seu país en diversas áreas. Buscaron conexións, semellanzas e diferenzas, creando varios traballos de colaboración cos compañeiros. Como futuros cidadáns, reflexionaron sobre os valores europeos, a identidade europea e importancia da sociedade multicultural. 
Na súa investigación sobre países socios aprenderon a usar ferramentas web, presentar e compartir traballos e opinións. Aprenderon o importante que é non só colaborar no traballo dos compañeiros, como no produto e a avaliación das distintas actividades."

28 junho 2019

▬ Animals in the kindergarten


As profesoras Silvia Betanzos Tajes, Lucía Doval Sánchez e Mariña García San León, do CEIP Plurilingüe Celso Emilio Ferreiro da Silva, Cerceda, preséntannos o proxecto Animals in the kindergarten:

"A nosa intención con este proxecto era aumentar a presenza da lingua estranxeira como a lingua común en Educación Infantil e, ao mesmo tempo, favorecer a transferencia entre os idiomas de todos os socios participantes, enriquecendo as habilidades orais dos nenos. As actividades organizáronse en tres talleres: cociña, arte (música e plástica) e medio ambiente. Todas as tarefas centráronse en traballar o vocabulario referente aos animais sendo algunhas colaborativas entre os centros.


Creouse unha contorna atractiva na aula, con rutinas, tarefas lúdicas e traballos en grupo, para captar o interese do alumnado. Fíxose uso de variedade de estratexias comunicativas, tanto verbais como non verbais: xestos, linguaxe corporal, repetición, visualización, etc. En todo este proceso as TIC tiveron un grande protagonismo, sendo esenciais para a comunicación coas comunidades educativas dos centros participantes.

Partindo da coordinación en todo momento co profesorado titor, as tarefas que realizamos desenvolvéronse de forma integrada con aquelas que se estiveron realizando nas titorías. Desta maneira, o traballo organizouse ao redor de tres fíos temáticos: proxectos de aula, proxectos de centro e actividades complementarias e extraescolares. A nosa proposta permitiu, por tanto, integrar linguas e contidos e isto reflectiuse no Proxecto Lingüístico de Centro: criterios metodolóxicos comúns, tratamento similar de contidos, mesmas liñas de avaliación, etc.

Presentouse unha idea de proxecto por parte do noso centro e estableceuse contacto persoal mediante correo electrónico cun centro de Polonia. Os docentes asociados comunicáronse mediante o correo de interno de eTwinning organizando as tarefas e os tempos. Os alumnos compartiron o seu traballo mediante vídeos e programas informáticos para a presentación, intercambio e colaboración na realización das distintas actividades.

Foi moi gratificante poder compartir experiencias con centros doutros países, tanto para o profesorado como para o alumnado, que en todo momento se sentiu motivado coa participación no proxecto.

Os resultados do proxecto están accesibles no Twinspace, seguindo a planificación inicial do mesmo, segundo pode verse na ficha de eTwinning Live."