▬ International Calendar (artigo completo)


Un dos selos de calidade europeos acaba de chegar ao CPI Tino Grandío, polo proxecto "International Calendar", coordinado por Ana Arias, que nos conta:


"Hai varios anos que empregamos os proxectos eTwinning como complemento á materia CLIL de ciencias sociais nas nosas seccións bilingües. Entendemos que é unha actividade doada que podemos desenvolver facilmente dentro do marco escolar e complemente moi ben unha materia que agradece un compoñente cultural extra.
Coma en anos anteriores co comezo do curso 2010-2011 solicitamos á nosa socia lituana de proxectos anteriores, Neringa Lemeziene, ideas para un novo proxecto e acordamos co noso respectivo alumando, traballar sobre as festas dos nosos países respectivos. Chamaríase International Calendar.


O traballo foise desenvolvendo así:
  • Unha vez aprobado o proxecto, houbo que organizar o Twinspace: abrir carpetas e situar os cadros para arquivos, fotos e blogue.
  • Tamén decidimos abrir outra carpeta que se mantivo privada para que o alumnado se presentase entre si.
  • O alumnado, por grupos dentro de cada centro, intentaría presentarlles aos socios as festas que entendese máis representativas (escollíanas eles) e desenvolvían o tema da maneira que mellor entendesen. Aínda que en principio contabamos con facer vídeos ou audios, os cativos medios de que dispuxemos e a mala conexión a internet fixérono imposible.
  • Os materiais colgábanse na rede e eran comentados por uns e outros a través do blogue Chegou a haber algunha discusión bastante acalorada a raíz dalgún comentario.
  • Na aula dedicabamos polo menos unha sesión cada dúas semanas a ver e comentar os materiais dos socios e mais a comentar os nosos antes de subilos.
  • A presenza do auxiliar de conversa que contribuíu cos seus materiais e axudaba nos comentarios tamén foi valiosísima.
  • Cara a fin do proxecto fixemos un póster xigante e unha presentación final por centro que foi colgada na rede (abriuse unha carpeta a tal efecto).
  • E finalmente os comentarios globais e o seguimento íase facendo no Twinblog que tamén usabamos para comunicarnos cos coordinadores eTwinning en Madrid.

Pero xa mediado o curso apareceunos unha proposta que parecía seria dunha profesora polaca interesada en entrar no proxecto, Barbara N’Sir. Pensámolo, aceptamos e foi un éxito porque supuxo un maior enriquecemento do proxecto. Dentro dun límite, polo menos nun tema coma o noso, a máis socios máis rico o resultado obtido.
Tamén ao longo do proxecto xurdiu a idea de crear un blogue para reunir o material de clase do alumnado das seccións bilingües e reservamos aí unha páxina para o noso proxecto eTwinning. Así tería un acceso máis fácil (http://seccionsociais.blogspot.com).


Xa en xuño solicitamos o selo de calidade que obtivemos e esta mesma semana comunicóusenos que recibiramos o selo europeo pois as tres socias obtiveramos o nacional. Tamén foi unha boa nova o feito de que por primeiro ano o alumnado tamén poida levar o seu certificado tras obter o selo de calidade pois supón o premio a un traballo constante e, no noso caso, fóra do horario ordinario de clase.

Así que só me queda animar a todos e todas os que comezades agora os vosos proxectos porque se atopades bos socios poden ser das experiencias máis enriquecedoras tanto para o voso alumnado coma para vós."