▬ Prenons le largue (artigo completo)

A profesora Mercedes Noya Souto, do CPI de Mondariz, fálanos dun interesante proxecto "só para docentes":



Son Mercedes Noya e son profesora de francés no CPI de Mondariz dende hai cinco anos. Hai dous anos que comecei no mundo eTwinning e agora mesmo teño tres proxectos en marcha, dous cos alumn@s e un entre profesores. Este proxecto eTwinning no que teño o pracer de participar chámase “Prenons le large”. Somos un grupo de profesoras (o feito de ser todas mulleres é unha casualidade...) e amantes da lingua francesa en diferentes países da UE e no noso blog imos comentando a nosa actualidade. Dende as novidades educativas, económicas, culturais que xorden nos nosos países ata o noso día a día, á presentación de novos paisaxes e lugares que visitar...

Se a experiencia cos alumnos é moi satisfactoria, este intercambio entre profesionais do ensino é unha marabilla, nestes dous anos aprendín moitas cousas sobre as miñas compañeiras, os seus países, os seus sistemas educativos, o seu día a día como profesoras, etc. Con elas vivín os altercados en Exipto, da man da nosa compañeira Amal, coñecemos a dura actualidade grega coa nosa ben querida Vicky, soubemos dos cambios en Turquía grazas a Reyan, estamos “conectadas” con Macedonia e a nosa amiga Svetlana, dende Alemaña temos a Brigitte, a miña querida Bretaña tamén está presente coa nosa amiga e mentora Marie-France e mesmo sabemos do Senegal!!!

A verdade é que estou encantada con este proxecto, e anímovos a seguir as nosas novidades no noso blog: http://prenonslelarge.wordpress.com