08 novembro 2014

A Embaixada eTwinning na Facultade de Ciencias da Educación

Os días 6 e 7 de novembro, a Universidade da Coruña, en colaboración coa Embaixada eTwinning en Galicia,  organizou unas sesións de difusión do programa para o alumnado de TICs de primeiro de Maxisterio.

As sesións desenvolvéronse en Ciencias da Educación, na Coruña, e estiveron apoiadas polo Vicedecanato e os profesores da materia. A encargada de desenvolvelas foi a embaixadora Susana Vázquez Regueiro. A elas asistiron máis de 200 alumnos.

O programa desenvolveuse coa seguinte orde:

  •  A escola actual e eTwinning
  •  eTwinning: que é, como se desenvolve. Calidade e eTwinning
  • Análise dun proxecto eTwinning en función dos parámetros dos puntos 1 e 2.
  • Ferramentas colaborativas dentro e fóra de eTwinnng.
  • Colaboración do alumnado asistente.



As sesións foron desenvolvidas por Susana Vázquez e tiveron unha duración de 90 minutos cada unha.

A continuación podes acceder a documentos relacionados coa sesión:

Selos de Calidade Europeos

Compartimos convosco o listado de proxectos galegos con Selo de Calidade Europeo no 2014.
Parabéns a todas e todos!

Susana Vázquez Regueiro

CEIP San Xoán, Becerreá, Spain
La historia de mi casa

Mª del Carmen Buitrón Pérez

CPI Viaño Pequeno, Viaño Pequeno, Spain
etwinautas en las ciudades (in)visibles

Susana Fontán

Colegio Internacional SEK-Atlántico, Poio, Spain
Viajando por el mundo a través de los cuentos

María Jesús Casado Barrio

I.E.S. Francisco Daviña Rey, Monforte de Lemos, Spain
X.A. (Xogos de álxebra, Juegos de álgebra, Álgebra Games)

Francisco Javier Núñez Aguado

IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, Lugo, Spain
OLE - Opportunities for Learning Entrepreneurship

Elisa Picallo e Marcos Vence Ruibal

IES San Clemente, Santiago de Compostela, Spain
Pek, the Traveller Flea - Stickers and Videos

Stefany de Araújo

IES San Clemente, Santiago de Compostela, Spain
FCT Santiago de Compostela – Lisboa

Ana Belén López Pérez

IES San Rosendo, Mondoñedo, Spain
My Landscape, My Literature, My Say

Juan Antonio González Parga

Nuestra Señora del Carmen, Betanzos, Spain
Triple AAA - All About Apples


Podedes consultar a lista completa en eTwinning.net








07 novembro 2014

Café con eTwinning




Na mañá do día 7 de novembro, a Embaixada eTwinning participou nun café con eTwinning no CEIP Wenceslao Fernández Florez de Cambre.


Susana Vázquez, a solicitude de Marta Costa, secretaria do centro educativo, comentou coas compañeiras asistentes, as posibilidades de eTwinning para o alumnado e para un colexio con seccións bilingües.

A sesión prolongouse ata a unha da tarde, e finalizou coa idea en firme de comezar un proxecto sinxelo para o segundo trimestre... Daremos conta del en canto saibamos!!

24 outubro 2014

A Embaixada eTwinning na Consellería de Educación

No día de onte, os membros da Embaixada eTwinning fomos recibidos por Manuel Corredoira, Director Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, e Manuel Vila, Subdirector Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado.

Esta convocatoria foi a resposta á nosa solicitude de sermos escoitados en relación ás propostas que como Embaixadores fomos desenvolvendo e/ou iniciando.

Entre elas, unha das prioritarias, e así se lles fixo constar, é a que se iniciou coa recollida de sinaturas para que a nosa Comunidade Autónoma certifique como innovación educativa aos Proxectos eTwinning con Selos de Calidade (Nacionais e/ou Europeos) ou premiados nas diferentes modalidades de concurso (Nacionais e/ou Europeos).


Esta acreditación está a ser efectiva en todas as Comunidades agás en Madrid, Murcia e Galicia, na actualidade. Esta circunstancia, que era descoñecida nestas instancias da Consellería, foi recibida e analizada, documentada co escrito que achegamos, e causa de que ambos responsables de Educación se comprometesen a iniciar conversas co Ministerio de Educación e Consellerías doutras Comunidades co obxecto de finalizar este agravio comparativo que os profesores galegos estamos a sufrir.

Na conversa, que se prolongou por case dúas horas, houbo espazo para todos os temas que quixemos expor, nunha mostra clara de respecto e interese polas nosas inquedanzas como etwinners. Respecto e interese que agradecemos, pois é un moi motivador punto de inflexión nunha época de silencios administrativos ante as nosas peticións e iniciativas, que pretenden representar as de todos os etwinners galegos. Tamén houbo, pois, tempo para outros temas como:

- Iniciativas da Embaixada: Formación e Difusión de eTwinning. Estas accións seguen a depender dos organismos CFR e CAFI, nas diversas formas en que xa se están a planificar. Parece complicado artellar un sistema “oficial” que recolla as posibles accións formativas que iniciamos ao haber certas incompatibilidades entre Consellería e Ministerio para certificar actividades de formación que non inician eles mesmos, ao estar Educación transferida, pero ser eTwinning un programa nacional.

- Creación do rol de Coordinador de Proxectos Europeos, como algunha normativa recolle, coas conseguintes responsabilidades e compensacións. A resposta obtida fixo referencia ao actual ROC, que non recolle este perfil, igual ca o doutras coordinacións, e que só pode ser negociado con Responsables Políticos e Sindicatos, no momento en que se redacte un novo Regulamento.

- As publicacións que a Embaixada eTwinning está a desenvolver, e que contaron con apoios do IES San Clemente de Santiago e mesmo do Ministerio de Educación Portugués, foron outro dos temas tratados, co fin de encontrar algunha liña de colaboración sempre que o noso formato coincida cos dos que a Consellería pode ofertar, e que, en calquera caso, sería en dixital, pero con acreditación para todos os que colaboran connosco. A actitude de busca de solucións aos nosos problemas á hora de conseguir o ISBN foi, tamén moi ben acollida por nós, que non a tiñamos encontrado con anterioridade.

Queremos compartir convosco a nova e, tamén, as emocións que alimentan a esperanza que nos dá forzas renovadas para continuar con esta nosa responsabilidade de difundir o programa e de ser as cabezas visibles de todos os profesores etwinners galegos, tendo en conta que Galicia é das Comunidades con mellores datos de participación e proxectos destacados pola súa calidade, datos que, desde hoxe, tamén se coñecen, de primeira man, na Consellería de Educación.


12 outubro 2014

E-Twinning nas Xornadas "Ensinar linguas no entorno europeo"


O tres e catro de outubro pasados celebráronse en Vigo as Xornadas Ensinar linguas no entorno europeo organizadas polos Centros de Formación e Recursos de Pontevedra e Vigo.
Dirixidas a profesorado de primaria e secundaria, tiñan como obxectivo presentar diferentes propostas metodolóxicas e organizativas que favorecen o desenvolvemento da competencia en comunicación lingüística.

Anxos Rial, directora do IES de Poio,  e Carmen Fernández, profesora de Latín e Grego, participaron presentando a experiencia e-Twinning no seu centro.
Durante a sesión, ademáis, proporcionouse información sobre a figura dos embaixadores en Galicia, o blogue da embaixada e o seu apoio a profesorado interesado en traballar en  e-Twinning.
Unha semana máis tarde está xa en marcha un grupo de traballo formado por profesoras asistentes ás xornadas que van  traballar co programa no seu centro e que contarán co asesoramento e a docencia da embaixada galega.

10 outubro 2014

Entrevista co Conselleiro - Boas novas

Hoxe recibíronnos no gabinete do Conselleiro de Educación onde explicamos brevemente a situación de eTwinning en Galicia e solicitamos audiencia.

Dixéronnos que nos vai recibir con certeza e pedimos que fose o antes posible para conseguir que os proxectos eTwinning con Selo de Calidade sexan certificados como innovación, con efecto retroactivo, antes do próximo concurso de traslados.

Agradecemos a amabilidade con que nos trataron e estamos moi contentos por esta raiola de esperanza.


18 setembro 2014

Entrevista co Conselleiro de Educación

Unha das accións da Embaixada no ano pasado foi a recollida de sinaturas para solicitar á Consellaría de Educación que os proxectos eTwinning con Selo de Calidade sexan certificados como innovación, con efecto retroactivo.

A día de hoxe comprobamos que nin as solicitudes foron respondidas nin a proposta do coordinador eTwinning en Galicia foi aceptada.

Os membros da Embaixada solicitamos unha reunión co Conselleiro de Educación para explicarlle a necesidade de solucionar urxentemente este problema, que nos enche de vergoña e nos pon na cola do estado español.

Polo mesmo motivo decidimos facer unha pausa até que esta reunión se produza, exceptuando os compromisos previos coas universidades e coa campaña iníciate en eTwinning.

Agardamos contar co apoio de todos e todas as docentes.