21 dezembro 2019

Formación na EOI VGA

No día 20 de decembro de 2019 o profesorado da EOI de Vilagarcía de Arousa participou nun Café con eTwinning co embaixador Marcos Vence e a ex asesora Victoria Penide.

A escola xa iniciara a súa andaina en eTwinning no ano pasado conseguindo o seu primeiro Selo de Calidade.

17 dezembro 2019

ROBOT EUROPEAN DANCE


A profe Tamara Carreira, envíanos este artigo sobre o proxecto “Robot European Dance” que integraba a robótica e a cultura propia, e tiña por obxectivo promocionar o baile tradicional mediante a programación de robots bailaríns. Cada centro debía programar unha coreografía típica do seu país e compartila co resto de socios, para que todos coñecesen e bailasen as danzas propias de cada lugar cos seus respectivos robots. Como proxecto final, debíamos deseñar unha danza colaborativa e bailar todos xuntos por videoconferencia.

Participamos cinco centros de tres países diferentes (dous españois, dous polacos e un grego). No noso caso, o alumnado participante cursaba 4º curso de E. Primaria e os robots empregados eran os mBots do Programa da Consellería de Educación "Introdución á Robótica Educativa na Educación Primaria". Pero as idades dos demais participantes, así como os robots empregados, eran moi variados; o que dificultaba a programación e propoñía retos que debiamos resolver en equipo.
O primeiro paso, foi  coñecer os mBots e explorar as súas posibilidades. Fixemos unha pequena presentación para os demais centros participantes e tamén coñecemos os robots que eles empregarían: beebots, ozobots, photón, thymio... Ata votamos polo noso robot favorito.

Despois comezamos a preparar a nosa coreografía. 



A “Muiñeira dos Nenos” foi a música e danza elexida, adaptándoa ás posibilidades dos mBots. Programamos puntos e picados para os bailadores e bailadoras. E cando o baile estivo rematado, vestimos os mbots con saias e monteiras para a ocasión e gravámolo en video para que reproduciran os nosos compañeiros.     
A nós tocounos facer o mesmo cos seus bailes: o chotis, o valse, a gerakina, as sevillanas, a polonesa... Foi moi divertido e enriquecedor visualizar os videos e tratar de 
decodificar cada paso. Había que calcular tempos, velocidade, ángulos de xiro...
Cando todos bailamos todas as danzas, comezamos a elaborar unha coreografía conxunta. E de aí saíu a danza final que bailamos mediante videoconferencia coa música “It’s a small world”. Para finalizar, autoavaliámonos e cada centro elixiu o seu baile favorito. Como curiosidade, a muiñeira saíu elexida como a danza máis fermosa de todas as traballadas.
Con este proxecto, os tres países participantes recibimos o Selo de Calidade Nacional e, posteriormente, tamén o Selo de Calidade Europeo. A prensa escrita fíxose eco deste recoñecemento e o programa Luar da Televisión de Galicia convidounos a bailar a nosa “Muiñeira dos Robots” en directo para os seus telespectadores.

GENIALLY
XORNAL “LA VOZ DE GALICIA” 
PROGRAMA LUAR

15 dezembro 2019

▬ Culture, heritage, action! Undoing walls, building bridges

As profesoras Edelmira Riero, Francisca Martínez e Beatriz Dorao, xunto co seu alumnado do CPR ALCA de Ames, veñen de conseguir o Selo de Calidade Europeo co proxecto Culture, heritage, action! Undoing walls, building bridges.

Desde a Embaixada eTwinning Galicia dámoslles os parabéns!

Máis información:

06 dezembro 2019

▬ Celebrating books


O proxecto Celebrating Books foi o primeiro proxecto eTwinning de colaboración entre escolas de idiomas en Galicia, a saber, a Escola de Idiomas de Vigo, a Escola de Idiomas de A Coruña e a Escola de Idiomas de Vilagarcía de Arousa.

En total participaron cinco profesoras en Galicia, dúas profesoras en Turquía e unha profesora en Italia.
Todas as profesoras participantes obtiveron Selo de Calidade nos seus respectivos países e o proxecto foi asimesmo galardoado co Selo de Calidade Europeo. 

O proxecto levouse a cabo de modo paralelo en inglés e alemán.

Esta iniciativa pretendía fomentar a lectura e escritura creativa entre o alumnado de linguas estranxeiras. Con este propósito os nosos alumnos compartiron opinións sobre os seus libros favoritos e crearon ós seus  propios relatos de forma colaborativa.

Unha vez escritas as diferentes historias, os alumnos tiveron un tempo para ler e escoller a mellor de todas. Aquí tedes unha ligazón ao relato gañador: https://issuu.com/inetwinningeoi/magic_book



▬ The wonderful world of nature

O proxecto “The wonderful world of nature” do IES de Beade en Vigo ven de ser galardoado co Selo de Calidade Europeo. Noraboa ás profesoras Esther Pérez e Celia Fernández.


Esto é o que Esther Pérez nos conta do seu proxecto:

O noso proxecto “The wonderful world of nature” é a plataforma dixital esencial no desenrolo do programa Erasmus + de intercambio escolar que estamos a realizar xunto cos nosos socios europeos de Francia, Italia e Letonia.
O obxectivo principal do proxecto no curso 2018/19 foi a análise de ecosistemas acuáticos da nosa contorna. Cada centro avaliou as compoñentes e o estado de conservación dun ecosistema en particular, e compartiu logo os resultados a través da plataforma do Twinspace. Acompañando a ese estudo realizáronse actividades complementarias, como xogos en Scratch que promoven a conservación do medioambente. Tamén elaborouse de xeito colaborativo, entre todos os países, un xogo de mesa de preguntas e respostas sobre a auga, un dos recursos naturais esenciais, así como un calendario con imaxes dos ecosistemas estudados.
O alumnado realizou tamén visitas a centros de investigación, universidades, centrais hidroeléctricas, depuradoras de auga, ou centros de reciclaxe, para fomentar a súa concienciación sobre a problemática medioambiental, e logo puso en práctica nos centros parte do aprendido, coa realización de pequenos experimentos.
Por último, en cada centro se presentaron propostas para contribuír á mellora da conservación da natureza, como xardíns ecolóxicos, estanques para anfibios, arte con materiais reciclados...

02 dezembro 2019

Iníciate en eTwinning - 3ª edición

Vén de finalizar con grande éxito a terceira edición do curso de Platega Iníciate en eTwinning, da nosa Embaixada.

Participaron con grande motivación, 83 docentes de Galicia que aprenderon a desenvolverse no eTwinning Live, Groups e TwinSpace.

Practicamente todo o traballo foi realizado nas plataformas de eTwinning. Podedes ver as súas impresións no Diario do Proxecto e en Twitter.

30 novembro 2019

▬ En paradero desconocido


Dun proxecto que contaba cos centros participantes de Francia, Valencia, Pamplona, Alacante, e o IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas, xurdiu o proxecto "EN PARADERO DESCONOCIDO : Movimiento Juvenil para la Recuperación de nuestra Memoria Histórica".

A profe María Jesús Martínez Martínez do IES Pedras Rubias foi unha das galardonadas cos delos de Calidade Nacional e Europeo.Con este proxecto querían dar a coñecer que sucedeu no franquismo, e que é a lei sacada 70 anos despois sobre a memoria histórica. 

Como pon no seu obxectivo principal que recollo literal "Con este proyecto, pretendemos sensibilizar e implicar a nuestros alumnos de instituto poniéndolos a contribución del proyecto general de recuperación de nuestra memoria y de nuestra identidad."

Os obxectivos que perseguía era valorar a herdanza cultural e o pensamento libre, construír cultura, reflexionar e argumentar sobre diversas liberdades, proporcionar instrumentos de análise principais do historiador, potenciar a lectura e os climas de colaboración e cooperación.

Querían realizar un proxecto final cun libro literario, un mapa de desaparecidos, pero ante todo, crear un grupo de mocidade por unha causa nobre.

No medio do proxecto tamén aparece un ERASMUS KA-229 do proxecto TOTEM "Estrechando lazos con Europa", e actividades teatrais e sobre a muller, e outras con escritores da temática. Tamén viron filmes como as trece rosas.

Os nosos parabéns polos merecidos premios e desexamos que eTwinning fose importante para toda a vosa evolución, e animarvos a facer mais.