19 fevereiro 2013

eTwinning nas Seccións Bilingües

As seccións bilingües son sempre un elemento dinamizador nun centro pois supoñen non só ensinar unha área ou materia nunha lingua diferente, senón ensinala con outra metodoloxía, pois o alumnado require unha andamiaxe extra en comparación con cando se fai nunha lingua na que se manexa con certa soltura.

Por esa razón proporcionar contextos nos que a lingua estranxeira se poida utilizar para traballar aspectos da área ou materia en contextos reais, con alumnado de centros doutros países que comparta as mesmas necesidades, é un revulsivo que sen dúbida proporcionará unha motivación adicional a ter en conta.
E os proxectos eTwinning proporcionan isto, o contorno onde buscar socios, crear proxectos sobre a propia materia na lingua que queiramos ou ben buscar proxectos xa en marcha aos que poidamos sumarnos. Por iso eTwinning pode ser unha valiosa ferramenta á hora de dinamizar as clases da materia dentro dunha sección bilingüe, ou ben permite facer clases nas que se traballe tanto a materia como a lingua. Mesmo as dúas horas adicionais que se poden impartir na lingua estranxeira, poden ser un bo momento para complementar as clases con este tipo de proxectos que permiten un bo desenvolvemente de moitas competencias lingüísticas na lingua da sección.

Tamén poden ser un bo elemento no que aproveitar a presenza do auxiliar de conversa no caso de seccións bilingües ou centros plurilingües que conten con ela.

Todos os que queirades iniciarvos nun proxecto deste tipo entrade na páxina de eTwinning, que é bastante intuitiva e rexistrádevos nela. Existen cada ano en setembro e xaneiro convocatorias de cursos do INTEF sobre como utilizar a plataforma e, se necesitades consultar algo, podemos axudarvos desde a Embaixada eTwinning.