12 novembro 2017

▬ Adota-me

Un novo Selo de Calidade Europeo para celebrar na nosa Comunidade:

Galicia e Portugal foron escenario para o desenvolvemento do proxecto eTwinning Adota-me, de corte medioambiental e cun importante e creativo emprego das TAC, serviu para que alumnado con necesidades específicas de apoio educativo aprendese e aplicase coñecementos sobre as árbores da contorna, os seus diferentes usos, as vantaxes da súa existencia e os perigos de non telas.
Un punto fundamental deste proxecto foi o emprego da realidade aumentada para as aprendizaxes que, en moitos casos, deu lugar a momentos lúdicos durante o traballo. Materializouse nun produto final relevante no campo social: a maqueta do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, Lugo, recollendo todo o seu Food Forest con vídeos sobre ela colocados como Auras.


O alumnado galego e portugués encontrou o xeito de convidar, en diferentes momentos, a persoas relevantes das diferentes contornas, tanto a nivel técnico (Delegados dos Gobernos en materia forestal), como a nivel comercial e educativo. As familias e as institucións das dúas vilas participaron en varias tarefas e algúns outros centros educativos foron, tamén, protagonistas por momentos.
A comunicación, a través do TwinSpace e outras plataformas, permitiron o coñecemento e o traballo colaborativo dos grupos de alumnos e dos seus profesores, que se materializaron na liña de traballo que se comparte neste enlace.
Desde a Embaixada eTwinning en Galicia, parabéns para Susana Vázquez Regueiro e, moi especialmente, para Rosa Medeiros e Cláudio Ferreira que, recibiron, ademais do Selo de Calidade Europeo, o Premio Nacional eTwinning en Portugal por este proxecto!